Comecei a estudar en Fingoi á idade de 8 anos, no curso de Párvulos. Desa idade o que recordo é a Don Ricardo dando voltas en bicicleta polo patio do Colexio. De aí venlle o alcume de “Coppi”, emulando ao afamado ciclista Fausto Coppi.
Xa nos cursos posteriores, no bacharelato, as mellores vivencias son nas clases de Literatura. Con Don Ricardo, facíamos de todo: Teatro, poesía, cantábamos cancións galegas… E como experto en Rosalía, líanse os seus poemas, e doutros poetas tamén, galegos e casteláns.
Nas Veladas do Colexio Fingoi Don Ricardo dirixíanos obras de Teatro, recordo: “O Círculo de Xiz”, “Le Médecin malgré lui”, “A Farsa das Zocas”, “Pimpi-nela” de “Os Vellos non deben de namorarse” de Castelao, “Aulularia” de Plauto… Eu fixen de Xocas na “Farsa das Zocas” e de Pai en “Pimpinela”, esta última tamén a representamos no Ins-tituto Masculino diante de Otero Pedrayo.
Marcos Fernández Puentes en “Pimpinela”.
Recordo cando nos mandaba cantar a canción galega “Quen me dera en Lobeira”, Don Ricardo emocionábase moito. Cantábanse outras cancións do Cancioneiro de Fingoi, feito a partir da recollida nas escolas da provincia, organizada en aqueles cursos para mestres onde meu pai era o promotor. Por certo, que cando estábamos cantando, se algún ría, por vergoña, preguntáballe que era o que lle facía tanta graza.
Outras veces nas clases mandábanos ler poesía ou compoñer nós algunha. Por certo, algunhas, por aquilo de que a rima fose ben marcada, saían moi xocosas.
Tamén facíamos teatro lido en clase: collíase un texto, por exemplo, do “Alcalde de Zalamea”, e a cada un de nós tocáballe un personaxe, e algún poñíalle tanto ímpeto na lectura do texto que Don Ricardo ría.
O libro “Contos populares da Provincia de Lugo”, cuxa publicación dirixiu Don Ricardo, e onde traballou Bernardino Graña, era unha recompilación de contos reali-zada nas escolas da provincia de Lugo por aqueles mestres que fixeron os Cursos para eles patrocinados por meu Pai.
Eu tiven una anécdota moi sonada estando na pizarra, falando do “Arcipreste de Hita”. Preguntoume Don Ricardo que significado tiña a palabra “Mur”, polo “Mur de Monferrado” que aparece nesta obra. Claro, eu non tiña nin idea e miraba cara aos compañeiros de clase para que me “soprasen” algo, e eles sinalaban a Don Ricardo e ocorréuseme dicir: “Ricardos”. Don Ricardo botou a rir, tendo en conta que outro dos alcumes que tiña era o de “Rata” e el sabíao, saltábanlle as lágrimas. Aquela foi una anécdota moi recordada.
A min, Don Ricardo adoitaba chamarme en broma “O Escudero Marcos de Obre-gón”, ou “O Tío Marcos da Portela”.
Persoalmente sempre tiven boa relación con el, gozaba moito nas montaxes das obras de teatro, así como cando cantábamos na clase. Penso que eran unhas clases moi amenas, ademais de aportarnos unha formación para aqueles tempos privilexiada.
Teño o recordo tamén de ver a Don Ricardo sentado nunha cadeira ao revés como se estivese montando a cabalo, explicando algún episodio da historia, para darlle máis énfase ao relato.
Coa pronunciación dalgunhas consoantes, recordo que nos remarcaba moito a pro-nunciación do “y” e do “ll”, para que as pronunciásemos correctamente, corrixíndonos cando non o facíamos ben.
Tíñamos unhas normas no Colexio Fingoi dalgún xeito curiosas, como que non se podía correr polos pasillos (como te vise Don Ricardo chamábache a atención), nin por suposto asubiar; en deportes estaba prohibido xogar ao fútbol, o deporte no Colexio Fingoi era o baloncesto, en cuxo equipo, o “Liber de Fingoi”, xoguei eu, participando nas Ligas infantil e xuvenil de Lugo; no recreo había que poñer unha boina para pro-texerse do Sol.
Arriba: Vicente Devesa, Manuel Figueroa, Emilio Fernández, Chicha Fernández Crespo, Carballo Calero, Luis Verdalles e Marcos Fernández. Abaixo: Santiago Fernández Puentes, Antonio López-Acuña, Manuel Sández, Fernando López-Acuña e José Manuel Fernández Fernández (“Melén”).
No comedor, se algún neno levantaba o cóbado para comer, poñía un servilleteiro debaixo do brazo e como caese quedabas sen recreo. Había que comer toda a comida que che poñían, recordo que había alimentos como o leite ou a remolacha que non lles gustaban a moitos nenos, e os que tíñamos bo saque botabámoslles unha axuda, tamén recordo unhas pastillas que eran un complexo vitamínico de Laboratorios Zeltia, que a moitos lles custaba comelas, viñan nuns frascos de cristal.
Recordo ver a Otero Pedrayo polos corredores do Colexio cando viña a visitar a Don Ricardo.
Para nós, por suposto, era un luxo ter a Don Ricardo de profesor, coa erudición que tiña, naquelas datas da educación do franquismo, nun Colexio mixto, que foi un dos pioneiros en España, co Colexio Estudio de Madrid.
Contaba meu pai que naqueles tempos no Ministerio de Educación estaban os Xesuítas, e que para poder autorizar un Colexio mixto, fixo a trampa de pedir que autorizasen dous colexios, un colexio para as nenas e outro para os nenos, e xuntou os dous nun só Colexio.