Falando en tempo de Lugo

Carballo Calero. Foto: Eduardo Ochoa

 

Escribindo ou falando, Carballo sempre foi un libro aberto. E a súa palabra ábrenos os ollos a un tempo, unha situación e un home.

Carballo, visto por Siro

Os debuxos de Siro “falan” de Don Ricardo.

Conversas

“Conversas en Compostela con Carballo Calero”. M. A. Fernán - Vello e F. Pillado Mayor. Sotelo Blanco, 1986.

Conversas en Compostela

 

O capítulo V está dedicado aos anos lucenses con especial mención ao teatro no Colexio, á súa obra poética, ao Lugo dos anos 50, á tese doutoral… para rematar falando sobre o medo de Risco, inspirado “na sensazón de que un mundo edificado sobre alicerces de muitos séculos, podía ser posto en cuestión e derrubado por unha actitude insensata ou demoníaca”.

Explica Carballo a súa visión daqueles anos lucenses, “que eran anos en que se vivía baixo o goberno do xeneral Franco, eu tiña, naturalmente, pola miña humilde história persoal, que permanecer à marxe das actividades de tipo público que levasen consigo unha certa espectacularidade, de maneira que vivía isolado en Fingoy. Estaba interno no coléxio. Residía no mesmo edificio e non saia habitualmente, salvo os fins de semana, daquela casa à que consagrava todo o meu traballo.

No Lugo daquela época había unha certa actividade cultural. Havia concertos e exposizóns pictóricas que tiñan como centro principalmente o Círculo das Artes. Eu asistía, às veces, às exposizóns pictóricas. Menos aos concertos, non porque non goste da música, senón porque as circunstáncias xeralmente me retiñan no traballo, e os concertos son a unha hora determinada, mentres que as exposizóns están abertas durante máis horas do dia.

A vida literária que existise en Lugo era-me prcticamente descoñecida, porque o cultivo do galego, o feito de tratar-se dun autor galego, era un inconveniente para o desenrolo dunha actividade literaria. Cando foron suavizando-se as circunstáncias, cando os americanos estabeleceron bases no país, cando houvo axuda de dólares, ocorreu o que eu previn inmediatamente, que pouco a pouco tiña que ir-se quebrantando a ideoloxia franquista nas realidades prácticas, e así pasou. Houvo un pouco máis de liberdade de expresón literaria, xa non eran sancionados os bañistas que permanecían nas praias sen albornoz, autorizou-se prácticamente que se formasen nas praias grupos de homes e mulleres -o que estaba proibido regulamentariamente- e, co dólar americano, veu o biquini feminino e outras liberdades que foron, naturalmente, socavando a pétrea tendéncia ao anacronismo e ao totalitarismo, en certos aspectos culturais polo menos. E entón, como se sabe, comezou a rexurdir a vida literária galega. Tivemos aquel suplemento literario de La Noche, no que colaborei muito, e un lugués -ou polo menos habitante de Lugo- reanudou a publicazón da revista Vida Gallega, que Jaime Solá fundara a principios de século. E pediuse-me colaborazón para esta revista. En Vida Gallega publiquei numerosos artigos, algúns en castellano e outros en galego. Parece-me que foi entón cando comecei a utilizar o seudónimo de Fernando Cadaval”.

En relación co papel de Fingoi como unha illa no panorama pedagóxico do país, comenta que “queria-se dar unha educazón que tivese utilidade inmediata para a vida, e procurava-se prescindir, na medida do posível, da erudizón libresca.

Conversas en Compostela

Francisco Pillado Mayor e Miguel Anxo Fernán Vello con Don Ricardo. Foto da capa do libro “Conversas en Compostela”.

De maneira que ali non tiñamos livros de texto, había livros de consulta, livros de leitura, pero aspirábamos a que, desde os primeiros momentos, os alunos se acostumasen a reflexar en breves esquemas redactados por eles mesmos as explicazóns dos profesores. Por outra banda, intentávamos -e puña muito énfase nisto o fundador do coléxio- tamén na medida do posível, unha disciplina imposta desde o exterior. Non se pode falar no Coléxio Fingoy dunha regulamentazón sancionadora das faltas dos alunos. Era aspirazón do coléxio que non houvese nengún tipo de educazón represiva. Cando xurdían problemas podía-se recorrer a médios de influéncia sobre o espírito dos alunos que non se puidesen considerar castigos. En realidade non havía castigos. Mas, claro está, non debemos cair na inxenuidade de crer que os alunos en masa ian obedecer por pura persuasón aos profesores. Sempre havia casos fallidos, pero non se adoptavan sanzóns do tipo habitual, senón que ás veces, naturalmente, certas insuficiencias de preparazón se tratavan de correxir compensando cun horario de maior permanencia no estudo do aluno, a posível dificiencia que este mostraba”.

E sobre o especial papel do teatro no Colexio Fingoi, comenta: “Eu dirixía os ensaios, era o director. Pero tiña, para estas cousas do atrezzo, algúns colaboradores valiosos, especialmente unha profesora, Concepción Fernández Crespo, principal instrutora dos nenos en cuestión de danza. Pero as obras dirixía-as eu. Eu fazia todos os papeis nos ensaios para que os nenos tivesen unha orientazón, porque aínda que os maiores ás veces xa amostraban formas persoais de interpretar, muitos destes nenos nunca se viran en tal, por iso eu tiña que fazer de señor Fuco, de Pimpinela…”.

Pero nunca chegou a actuar: “Curiosamente nunca, nunca sain ao público, a pesar de que me tería gostado. Tería-me gostado ser actor… tería-me gostado ser muitas cousas: ser director de orquestra… pero ser actor tamén me tería gostado. E, ao mellor, tiña algunhas condizóns, porque se non fun actor, criei actores, xa que estes rapaces antes de representar estas pezas non tiñan ningunha experiencia, e algúns desenrolando a sua propia condizón idónea, chegaron a ser excelentes actores”.

Representando a Molière

Representando a Molière.

“Conversas con Carballo Calero”. Carmen Blanco. Galaxia, 1989.

Conversas con Carballo Calero

 

Carballo fala coa súa antiga alumna de temas esenciais destes anos lucenses, desde o vencello con Lugo, a súa familia, o ensino, a tertulia do Méndez, Pimentel… e, naturalmente, Fingoi, que cualifica de “viveiro de formación de profesores, e de aí saíron tamén alumnos que co tempo chegaron a ser figuras distinguidas do mundo intelectual”.

E, en Fingoi, do teatro, buscando a raíz de “A farsa das zocas” na literatura popular de tradición oral: “Pois mira, até o ponto de que a obra se basa nun conto popular galego que me foi transmitido por unha aluna e que chegou até a min xa incompleto; entón tiven que completalo, pero o fondo é un conto popular. O principio da demora en obter unha definitiva situación no mundo do alén como consecuencia de ser enterrada cunhas zocas que usara unha persoa que cometera un delito, iso estaba no relato popular. De aí arrinquei, logo tiven que criar personaxes e complicar a situación. As personaxes son todas populares; incluso aquelas de condición social relativamente elevada son xentes que viven na aldeia; todo iso é mui real, pero aparece tamen a Santa Compaña, hai elementos sobrenaturais da mitoloxía popular. De maneira que é a máis galega nese sentido digamos folclórico, sen dar á palabra folclórico nengún valor peiorativo, por suposto. Tamén ten un esquematismo que non teñen as outras. Cando algunha vez dirixín a representación desta obra aconsellei que as personaxes actuaran cunha certa rixidez semellante á dos títeres, porque é unha farsa verdadeiramente, co seu inxenuo final de castigo, de puntapés, final típico de muitos pasos e entremeses clásicos; é un teatro de barraca, proprio para ser interpretado ao ar lire, aínda que admita tamén unha versión mui sofisticada”.

Carmen Blanco fora testemuña da representación de “Pimpinela”: “En “Pimpinela” tamén obtivemos un grande éxito, tanto internamente como cando saímos fóra. María do Carmo Herrero facía de Pimpinela; Araceli Herrero tamén traballaba, era a voz do autor, a que enunciaba a lista de personaxes, etcétera; e logo este rapaz, Acuña, era o vello, o señor Fuco; o mozo era Manuel Fernández; os pais de pimpinela eran Marcos Fernández e unha rapaza chamada Carmen Canto, que facía unha grande creación da súa personaxe; logo había un coro de mulleres, a actual directora de Fingoi, Asunción Fernández, filla do fundador, formaba parte dese coro”.

E por fin fala das primeiras representacións de “Os Vellos” en Galicia: “Con anterioridade houbera dúas representacións. Unha organizada en Santiago por Rodolfo Veiga, este señor que agora é secretario do Patronato Rosalía de Castro e que durante muito tempo tivo un grupo teatral. Ben, e despois, Antonio Naveira na Coruña tamén representou “Os vellos non deben de namorarse” na praza de touros. Estiven eu presente e alí falei coas irmás de Castelao. Creio que estas dúas representacións son anteriores. A nosa, claro, era máis limitada, limitada a un dos lances e realizada para os alumnos e as familias e os amigos, aínda que despois se levou ao Instituto Masculino de Lugo, porque era unha época en que Arcadio López-Casanova organizaba alí unhas clases de galego e na clausura desas clases se realizaron varios actos: Otero Pedrayo pronunciou unha conferencia e o grupo teatral de Fingoi prestou a súa colaboración representando este lance”.

Carballo Calero e Carmen Blanco

Carballo Calero e Carmen Blanco no Parque Rosalía de Castro de Lugo. Foto Eduardo Ochoa.

“Voz e silencio (entrevista con Ricardo Carballo Calero)” Francisco Salinas Portugal. Ed. do Cumio, 1991.

Voz e Silencio

 

Entresacamos o comentario de Carballo sobre a súa relación coa Editorial Galaxia: “Eu nunca fun directivo de Galaxia, nunca formei parte do Consello de Galaxia. Nos anos fundacionais de Galaxia eu residía en Lugo, tiña problemas de moitos tipos e estaba en liberdade condicional. Non desempeñei, pois, -pola miña situazón desde ese ponto de vista e tamén pola miña ubicazón xeográfica- un papel esencial na organización de Galaxia aínda que contribuín desde os primeiros tempos coa miña colaborazón escrita, coa miña colaborazón literaria, a todas as publicazóns que Galaxia realizou; no primeiro número de Grial hai colaborazón miña e se se revisan os índices de autores dos diversos tomos de Galaxia, vera-se que eu son unha das figuras que aparecen con máis frecuéncia.

Agora ben, nunca fun requerido para desempeñar funzóns de tipo directivo, nunca formei parte do Consello de Administrazón de Galaxia, entre outras razóns porque o Consello de Administrazón dunha entidade se constitui principalmente con aqueles membros que aportan fundos económicos, fundos financeiros, fundos crematísticos á obra e entre os que entón nos desenvolvíamos no mundo cultural galego, había-os como Don Antonio Fernández López ou D. Álvaro Gil que dispoñian de medios económicos e os aportaban, mentres que outros tíñamos que limitar-nos a “esprimir o cerebro” o que podíamos e a nosa aportazón era a de un sócio industrial -valla o paradoxo- e non a de un socio capitalista”.

Fundación Editorial Galaxia

Xuntanza fundacional da Editorial Galaxia.