Os lucenses, en xeral os lugueses, consideramos medio lucense ao profesor Ricardo Carballo Calero, polos quince anos vividos na cidade como Director do Colexio Fingoi, por seguir tendo logo casa en Lugo, e manifestamente pola lembranza (nalgúns casos, veneración) que os seus alumnos, especialmente alumnas, gardan daquel home sabio, serio, de mirada penetrante, que tan firmemente os dirixiu e do que quedaron influídos para sempre.
Eu non puiden ter contacto directo con Carballo Calero na súa etapa lucense, porque vin de Vilalba para Lugo en novembro de 1964, aprendendo daquela a andar pola vida, e el marchou de Lugo para Santiago en 1965, sen que nada propiciase un contacto naquel tempo meu de iniciación social.
Si o tiven con posterioridade no aspecto xornalístico, especialmente no eido radiofónico e audiovisual, pero aténdome ao período lucense de Carballo, inicialmente non tiña máis evidencia que o magnífico libro que publicou en 2010 Ramón Reimunde Noreña (“Cautivério de Fingoi”), referido precisamente a “Os anos lugueses (1950-1965) de D. Ricardo Carvalho Calero”, á parte da devoción, proximidade e coñecemento que del tiña a profesora Araceli Herrero Figueroa, que tanto esforzo dedicou a espallar as obras de Carballo Calero e Luís Pimentel.
Se nós consideramos a Carballo medio lucense, os de Ferrol sábeno plenamente ferrolán, e o nome de Carballo xurdiu nunha conversa con Julia Díaz Sixto, compañeira que foi hai anos na cadea galega de Radio Popular, na actualidade Presidenta do Club de Prensa de Ferrol, precisamente na inauguración da exposición “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, exposición que logo –en colaboración co Club de Prensa– levamos ao Ateneo Ferrolán.
Era preto do Día das Letras Galegas de 2019, e estaba a punto de facerse público o nome de quen ía centrar o Día das Letras Galegas de 2020, e os dous coincidimos en que daquela ou nunca lle podía tocar a Carballo Calero, tantas veces preterido nas votacións da Real Academia Galega polo feito de ser o patriarca do Lusismo ou Reintegracionismo, que provoca na sociedade galega fortes filias e fobias e que ata entón non lle permitira esta gloria póstuma.
Pasaron só un par de días cando se coñeceu a noticia, e puiden felicitar á Presidenta do Club de Prensa e prometerlle que, como fixemos co lucense Fraguas, iamos ocuparnos tamén do lucense Carballo no seu Ano Triunfal. E niso estamos.
Cando este libro e a exposición itinerante que o acompaña estean a percorrer a xeografía lucense e a xeografía vital de Carballo, estaranse a cumprir os trinta anos do seu pasamento o 25 de marzo de 1990. Sirva esta iniciativa para honrar ao profesor en aniversario tan sinalado.