Carballo Calero en Fingoi

Foron quince anos os que Ricardo Carballo Calero residiu en Lugo, se ben antes, e especialmente despois, tivo importante relación coa nosa cidade. E cando por fin se lle dedica o agardado Día das Letras Galegas, o Colectivo Egeria faise voceiro de ducias de alumnos/as da súa etapa lucense para destacar o seu vencello coa cidade, e o impacto que Lugo e as súas xentes produciron no noso profesor e escritor. Noso, por vivir connosco, e por quedar vinculado coa cidade para sempre.

Carballo Calero, visto por Siro

 

No chamado “Ferrol Vello”, na casa número 51 da rúa de San Francisco, hai unha placa que proclama que “NESTA CASA / NACEU O 30 OUTUBRO 1910 /RICARDO / CARBALLO CALERO / ESCRITOR, LINGÜISTA / E DEFENSOR DA CULTURA GALEGA”. A lápida colocouse en 1982 por iniciativa da Asociación Cultural Medulio, do Ferrol, en acto no que participou o homenaxeado escritor e profesor.

Ricardo Carballo Calero foi o primeiro dos seis fillos do matrimonio formado por Gabriel Ricardo Carballo Naya e María Dolores Calero Beltrán. Logo virían Mario, Dolores, Josefina, Ángel e Gabriel. Mario e Ángel morreron de nenos, e só Dolores sobreviviu ao seu irmán maior.

Pertencentes á burguesía ferrolá, a súa nai ensínalle a ler na casa, sendo a familia asidua ao Jofre (teatro e cine), afeccionándose o neno Ricardo ao teatro, afección que o marcaría de por vida. Súa nai morre meses antes de cumprir Ricardo os nove anos (21 de abril de 1919). O pai casará coa madriña de Ricardo, irmá de súa nai, que tamén morrerá moi axiña.

Con dez anos examínase no coruñés Instituto General y Técnico Eusebio da Guarda, aprobando o ingreso e o primeiro curso. Logo, examinaríase tamén en Lugo e Ciudad Real. Con quince anos, era bacharel, e ingresa na Universidade.

Carballo Calero

 

Se ben quería estudar a carreira de Filosofía e Letras, e o primeiro curso a compaxinaba coa de Dereito, ao acabar este primeiro ano, e tendo en conta as escasas saídas profesionais, decide, de acordo coa familia, estudar a carreira de Dereito, conseguindo brillantemente a licenciatura en 1931. Tan brillantemente que foron 14 matrículas, 3 sobresaíntes e un notable as notas da súa carreira, con cualificación de sobresaínte no exame final. Tal é xa o seu prestixio que a el se lle encomenda o discurso de apertura do ano académico 1930-1931, discurso que logo sería publicado. Con posterioridade recibiría o encargo de redactar un informe sobre “A entrada da forza pública no edificio da Universidade”.

En 1932 fai oposicións a funcionario do Concello de Ferrol, obtendo o seu primeiro emprego como auxiliar, co número 1 entre os cinco aprobados. Milita na UGT, e ten unha importante dedicación ao Partido Galeguista, do que sería co-fundador.

Contacta co Seminario de Estudos Galegos, onde ten por compañeiros a Ramón Martínez López, Filgueira Valverde ou Lois Tobío. No Seminario foi conselleiro, secretario de actas e secretario xeral. Publica en 1928 o seu primeiro libro de poemas: “Trinitarias”. Colabora en “Nós”. En 1931, Ánxel Casal publica “Vieiros”, o primeiro libro de Carballo en galego. Nel, recóllese un poema sobre o Parque Rosalía de Castro de Lugo.

Carballo, colaborador en "Nós"

Carballo Calero, colaborador en “Nós”.

O Parque Rosalía de Castro en “Vieiros”, o primeiro libro en galego de Carballo Calero:

PARQUE (Lugo)

N-esta hora cedeira
un mendiño durmindo
n-un tallo, o garda, o sol
i eu, estamos sôs.

No estanque, as brancas aves
que tanto amóu Rubén Darío,
douses feitos con tiza,
escriben na auga crara:
2222.

Todo o fogo do sol
non pode derretir o
seu prumaxe de neve.

Cheas de dóces chíos,
as arbres son as gaiolas vontarias
da paxariada ceibe.

Lá baixo vai o Miño, presidente
da Unión de Rios da Terra.

A paisaxe galega
destacóu dúas ringleiras de ameneiros
pra cubrirlle a carreira.

As torres da catedral,
lamentando que se non deteña,
réndenlle dende lonxe a homenaxe
da súa surrisa de pedra.

Lugo, en lembranza do seu paso
féiralle un peite de honor –a ponte–
pra peitear as súas barbas crechas.

Xa na República, Carballo, Bóveda, Paz Andrade, Risco e Tobío, todos eles membros do Seminario de Estudos Galegos, redactan un anteproxecto do Estatuto de Galicia, avogando porque este país fose un “Estado libre dentro da República Federal Española”.

Fai o servizo militar como soldado de artillería en Santiago, no Cuartel do Hórreo, hoxe edificio do Parlamento de Galicia.

Tentando clarificar o seu futuro, volve á Universidade para cursar en Santiago a carreira de Filosofía e Letras, carreira da que xa tiña aprobado o primeiro curso. En Santiago ten como compañeira de estudos a María Ignacia Ramos, estudante de Filosofía e Letras, sección de Historia, oriúnda de San Pedro de Esperela, de Baleira (Lugo), coa que casaría en 1933.

Carballo Calero e María Ignacia

 

Rematada a carreira de Filosofía e Letras, con excedencia como funcionario, acode a Madrid en maio de 1936 como compromisario para a elección do novo presidente da República Española (Manuel Azaña), e cando en xuño de 1936 vai a Madrid a participar nas probas para acceso ao profesorado oficial, a rebelión militar frustrou os seus proxectos, non podendo volver a Lugo ata cinco anos despois, nin completar esas probas ata pasados trinta anos.

Singular elemento informativo sobre Carballo naquel tempo da Guerra é a “Gaceta de la República” (Diario Oficial do 30 de xullo de 1937), que nos facilita o historiador ferrolán Bernardo Máiz, que vén de coordinar un estudo colectivo sobre o tempo de Carballo Calero en Ferrol.

Nese exemplar da Gaceta publícase o cumprimento dun “Decreto de la Presidencia” de 27 de setembro de 1936, polo que se declaran “reingresados en el servicio activo con plenitud de derechos [...] a los Profesores de Segunda Enseñanza [...] ordenados atendiendo a la presentación de instancia de los interesados”, entre os que figura “Ricardo Carballo Calero, Profesor encargado de curso de Lengua española y Literatura. Del 36”.

Diario de la República

 

Nesta mesma disposición aparecen incluídos Benedicto Cea Castillo, Catedrático de Agricultura (tamén profesor en Fingoi nos primeiros tempos do Colexio), Alfonso Rodríguez Castelao, auxiliar de debuxo, e o vilalbés Antonio Ínsua Bermúdez, profesor encargado do curso de debuxo do 36.

Naquel verán de 1936, Carballo deixaba en Lugo á súa muller, próxima a dar a luz á súa primeira filla. Esta, Margarita (familiarmente coñecida como Magalí, nome dun personaxe do “Mireio” do Nobel occitano Mistral, que os seus pais non puideron poñerlle), naceu o 17 de xullo de 1936. Carballo enterouse do nacemento, e de que a nai e a filla estaban ben, por un telegrama enviado desde Lugo.

MAGALÍ

O Magalí, miña tanto amada,
asoma a cabeza á fiestra!
Escoita un pouco esta alborada
de tamborís e violíns…
O ceo está cheo de estrelas, alí enriba,
o vento amainou,
pero as estrelas palidecerán
cando te vexan.

Así comeza esta canción tradicional provenzal, no que Magalí pode metamorfosearse en pescador, paxaro, auga ou margarida… pode ser vento mariño, raio de sol, rosa, árbore, lúa serea… para rematar eclipsando ás estrelas:

O Magali, séntasme ben!
Pero, en canto te viron,
mira as estrelas, o Magali,
como teñen palidecido!

Sen posibilidade de contactar con Lugo, Carballo (membro da UGT en Ferrol) inscríbese no batallón Félix Bárzana de milicianos do Quinto Regimiento, organizado pola Federación de Trabajadores de la Enseñanza da UGT, así chamado na honra dun mestre morto en Somosierra nos primeiros días da guerra.

Seleccionado para participar nun curso de formación de oficiais, obtén en Paterna o grao de Tenente en Campaña, sendo destinado ao 9º corpo do Exército da República, onde foi axudante dun xefe de Servizos Xurídicos, tendo que actuar como avogado defensor en Consellos de Guerra.

Margarita Carballo-Calero Ramos (“Magalí”), entre Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística e Asunción Fernández Puentes (“Siña”), Directora do Colexio Fingoi, no comezo en Lugo dos actos de homenaxe a Don Ricardo.

Margarita Carballo-Calero Ramos (“Magalí”), entre Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística e Asunción Fernández Puentes (“Siña”), Directora do Colexio Fingoi, no comezo en Lugo dos actos de homenaxe a Don Ricardo.

Detido ao rematar a contenda, foi sometido a Consello de Guerra, sendo acusado de separatista e pedíndolle o fiscal cadea perpetua. Foi condenado por “adhesión á rebelión” a doce anos e un día de reclusión maior. En maio de 1941 foi declarado “penado en libertad condicional”, volvendo a Lugo para establecer a súa residencia en Ferrol.

Quedaban por diante anos de loita e preocupación pola existencia, e por unha rehabilitación nunca pedida pero necesaria para a reafirmación persoal de quen se sabía un galego necesario para o seu país, pero tendo en contra a situación política xeral e galega en particular.

Son anos difíciles, dando clases en diversas academias privadas, colaborando en medios informativos, investigando e escribindo, ata que aparece na súa vida don Antonio Fernández López e o seu singular proxecto dun especial colexio no lucense Fingoi.