Presentación

Don Ricardo Carballo Calero, do que veñen de cumprirse tres décadas do seu pasamento, recibe neste 2020 a homenaxe de toda Galicia como persoeiro ao que a Real Academia lle dedica o Día das Letras. Unha circunstancia que celebramos xa que nos permite pór en valor o gran legado intelectual, literario e educativo que don Ricardo cultivou toda a súa vida.

A peripecia vital de Carballo Calero enmárcase no esencial nun triángulo que finca os seus vértices nas cidades de Ferrol, Santiago e Lugo. Neste sentido, cómpre dicir que a mostra “Don Ricardo de Fingoi” dá cobertura e explica dun xeito ameno e detallado os quince anos deste autor na cidade da Muralla. Parabéns ao Colectivo Egeria por este notable traballo no que se aborda o período que vai de 1950 a 1965 na biografía de don Ricardo; expoñendo os feitos e os fitos, e enriquecendo ese relato coas testemuñas de numerosos alumnos do profesor. Quince anos que deixaron unha fonda pegada no seo da sociedade lucense; pero que tamén resultaron decisivos  na vida e a consagración como intelectual e creador de referencia no eido cultural galego do egrexio ferrolán.

Esta aventura luguesa xorde coa proposta do ilustrado empresario, don Antonio Fernández, ao noso autor para pór en funcionamento e encarreirar pedagoxicamente un colexio moi especial no seu tempo, o Fingoi. Unha institución docente que setenta anos despois segue a ser un modelo  educativo que honra á cidade e acredita que ben merece Carballo Calero ser alcumado e lembrado como “don Ricardo de Fingoi”.

Desde a Xunta de Galicia entendemos importante apoiar esta publicación e as actividades de  difusión que completan a homenaxe coa que os lucenses lembran ao senlleiro profesor, que fixo deste centro educativo un facho de cultura, e que aínda segue a ser lumieira do noso país.

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo