De Lugo para todo o mundo galego

En 1958 Carballo Calero participa no libro “Ramón Otero Pedrayo. Homaxe da Galicia Universal”, publicado en Caracas, co traballo “Otero fala i escribe”, asinado en Lugo en 1955, no que confesa ser “vello amigo da obra de Otero, á que debo algúns intres de intensa emoción purificadora”, para considerar un “extraordinario espeitago presenciar como iste orador se move con seguridade e rapidez sorprendentes polos cables máis tensos i elevados da linguaxe figurada; acróbata da verba, que iñora a faterna e o vértigo”, e concluír indicando que “Otero Pedrayo é un mundo poético, e no seu caos e no seu cosmos están, mesturados ou isolados, todos, todos os átomos da creación”.

Otero Pedrayo

O mesmo se podería dicir de Carballo en Lugo, xa que os seus quince anos lucenses, que se entenderon de relativo silencio, de absoluta dedicación ao ensino e dirección do Colexio Fingoi, resultaron decisivos na súa traxectoria como escritor, reforzaron a súa situación persoal e intelectual, e -contendo “todos os átomos da creación”- foron a base da súa posterior consagración no mundo da cultura de Galicia. Velaquí os chanzos da escada que foi subindo, neste seu cativerio, retiro, afianzamento lucense:

Anxo da Terra

Anxo da terra (1950): Poemas do tempo da Guerra Civil, que ven a luz cando xa está en Fingoi.

A xente da barreira

A xente da Barreira (1951): Premio de Bibliófilos Gallegos (1949), foi a primeira novela en galego na posguerra.

Poemas pendurados dun cabelo

Poemas pendurados dun cabelo (1952): Poemas tamén do tempo da guerra. Publicado na Colección Xistral, dirixida por Ánxel Xohán.

Aportaciones

Aportaciones a la literatura gallega contemporánea (1955): Texto da súa tese, Premio extraordinario de doutoramento.

Sete Poemas

Sete poetas galegos (1955): Prototipo da tese. Estudo da obra de Rosalía, Pondal, Curros, Noriega, Cabanillas, Manuel Antonio e Amado Carballo.

Contribución ao estudo das fontes literarias

Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía (1959): Discurso de ingreso na Real Academia Galega (1958).

Salterio de Fingoi

Salterio de Fingoy (1961): A maior parte dos versos, escritos en Fingoi.

Versos iñorados ou esquecidos

Versos iñorados ou esquecidos de Eduardo Pondal (1961): Publicado polo Centro de Estudos Fingoi, en Galaxia.

Contos populares

Contos populares da provincia de Lugo (1963): Dirixido por Carballo. Textos recollidos por nenos e mestres dos cursiños agropecuarios, con escolma de Bernardino Graña.

Historia da literatura galega contemporánea

Historia da literatura galega contemporánea (1963): Obra fundamental de Carballo, porta de entrada a todo o labor posterior nos eidos educador e investigador.

O cancioneiro de Pero Meogo

O cancioneiro de Pero Meogo (1966): Obra do profesor e becario Xosé Luís Méndez Ferrín, dirixida por Carballo nos seus anos lucenses.

Suma e segue. Carballo en Lugo: Todo, agás silencio. Espiritual retiro, travesía do deserto, 11 pasos de xigante cara á gloria.