Antonio Fernández López, “fillo de Antón de Marcos” (o pai creara as primeiras empresas familiares), naceu en Lugo en 1903. Tiña ben diversos saberes e devocións, e á dirección de empresas unía especial querenza pola cultura e por Galicia, orientando todas as accións empresariais (Zeltia, Frilugo, Transfesa, Frigsa, Cementos del Noroeste, Pescanova…), nutridas das materias primas do país, en ámbitos esenciais para a economía galega, e apoiando á vez iniciativas culturais (Museo de Lugo, Galaxia, Fundación Penzol...) que lle depararon xeral recoñecemento.
Designado “Lucense do Ano” polos informadores lucenses, a Deputación nomeouno Fillo Predilecto da Provincia en 1971; o Concello de Lugo deu o nome de “Fillos de Antón de Marcos” á praza inmediata ao Museo Provincial, e o colexio de Oural (Sarria), impulsado por el, chámase Antonio Fernández López. En decembro de 2019, a Fundación Enrique Peinador homenaxeouno, erguendo na súa memoria un busto que preside a entrada á Facultade de Empresariais da USC en Lugo.
Coa experiencia de Barreiros (Sarria), onde creou en 1948 unha granxa-escola de especialización agropecuaria na que foron vitais os galeguistas Avelino Pousa e Valentín Arias, ideou para Lugo un colexio na liña da Institución Libre de Enseñanza, no que os seus fillos e sobriños, e os fillos de familias lucenses preocupadas polo ensino, puidesen recibir unha educación acorde coas necesidades do país.
Elixiu a campa de Fingoi, daquela zona rural no extrarradio lucense, e encargou o proxecto ao destacado arquitecto Gómez Román. Non podendo nomear Director a Carballo Calero polos seus condicionamentos políticos, designouno Conselleiro-Delegado. E Carballo, coa súa familia, converteuse en lucense.
Don Antonio para Carballo era “home de vida austera, quase ascética, pai de doze filhos aos que amou com amor afervorado, gastou somas elevadas de dinheiro e energia mental em servir à sua terra. A caridade, a filantropia -para que cada um recolha o termo que pertença ao seu vocabulário-, todas as formas da cultura tivérom nel, mais que um condescendente favorecedor, um servidor leal.”
A familia Fernández Puentes, ao completo.