Profesor e Director

A previsión inicial do fundador era que Carballo Calero fose non só destacado profesor senón tamén Director do Centro, se ben houbo que sufrir rixideces intanxibles pero sempre vixentes, e os antecedentes políticos e penais do profesor non eran os axeitados para ese cargo. E non foi Director, pero foi nomeado Conselleiro-Delegado, que viña ostentar a maior autoridade no Colexio, dependendo del a persoa que ocupase a dirección.

A dedicación ao centro (no que finalmente viviu) era absoluta, tendo afirmado que o tempo lle fuxía “entre as mans”, e o traballo “absórbeme a vida enteira, e nin saio de Fingoi nin fago outra cousa que traballar no Colexio”.

Carballo, nas cartas aos amigos íntimos (especialmente Fernández del Riego) nunca menciona abafos derivados do seu papel de profesor, mentres que son continuas as referencias aos problemas de dirección ou organización que van dende “o colexio absórbeme” (1952), “esto do colexio eche unha cousa moi seria” (1954), “son eu tragado polo colexio” (1955), “tarefas esgotadoras” (1958), “problemas administrativos de moito bulto” (1960), “os problemas do colexio abáfanme” (1964)… ata sentirse “esmendrellado e afogado polo traballo” (1965).

Do mesmo xeito, pode haber controversias sobre a súa rixidez, control, vixilancia… pero hai que facer constar a absoluta unanimidade sobre a excelencia das súas ensinanzas, das súas clases, do seu saber, do seu saber ensinar… e os seus alumnos e alumnas (quizais, estas, máis expresivas) gardan do seu maxisterio a mellor e máis agradecida das lembranzas.

Comunicación do Conselleiro Delegado

Comunicación do Conselleiro-Delegado á Dirección.