O lucense Carballo Calero

Postos a buscar pegadas de Carballo Calero na capital lucense mesmo podemos atopalas en calquera historia da literatura galega, se atendemos ás repercusións do seu traballo, e así, do 1955 é a súa tese sobre “Aportaciones fundamentales a la Literatura Gallega Contemporánea”, que foi Premio extraordinario, ou a súa incorporación á Real Academia Galega no 1958 e, naturalmente, as súas obras “Anxo da terra” (1950), “A xente da Barreira” (1951), “Poemas pendurados dun cabelo” (1952), “Sete poetas galegos” (1955), “Aportaciones a la literatura gallega contemporánea” (1955), “Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía” (1959), “Salterio de Fingoi” (1961), “Versos iñorados ou esquecidos de Eduardo Pondal” (1961) e, con lugar de honra, a “Historia da Literatura Galega Contemporánea”, de 1963.

Carballo Calero

 

Pero non é o noso obxectivo directo estudar a súa investigación ou produción literaria, aínda que esta se efectuase en Lugo, e desde Lugo irradiase para todo o mundo galego, senón coñecer de primeira man o seu labor como docente, a súa personalidade, o impacto que produciu nos seus alumnos e alumnas, e a permanencia na actualidade do seu recordo, dos froitos do seu paso por Lugo. E poderán rexistrarse duplicidades en conceptos e lembranzas que proceden de hai preto de seis décadas, pero entendemos que, mesmo respectando escrupulosamente as palabras do antigo alumnado, acreditamos a práctica unanimidade sobre Don Ricardo de Fingoi.

Carballo Calero foi durante quince anos o Director do Colexio Fingoi. Mellor aínda: máis ca director, xa que, como os seus condicionamentos políticos non permitían que ostentase a dirección, foi nomeado Conselleiro-Delegado do Colexio, polo que a dirección quedaba sometida ao seu goberno. Este, pois, debía ser o punto de partida na miña pescuda sobre as pegadas do profesor.

Colexio Fingoi

 

Fingoi era unha zona extramuros da capital lucense, naqueles anos plenamente rural, que se foi urbanizando paulatinamente coa construción do chamado Polígono de Fingoi en primeiro lugar, logo coa urbanización do Valiño, a emisora de Radio Popular, o Colexio Menor Santísimo Sacramento, do Bispado de Lugo e, por fin, coa Segunda Ronda e a Cidade Universitaria.

Nesta zona rural, don Antonio Fernández López elixiu uns amplos terreos para construír un colexio singular, moi avanzado naquel tempo, pioneiro nun ensino asentado na terra, onde nin os alumnos tiñan que sufrir para que os coñecementos entrasen neles, nin os profesores se sentían atados por todas as normas en vigor, escritas ou tácitas.

Isto lévanos a lembrar ao fundador deste colexio, Don Antonio Fernández López, do que eu tiven a primeira noticia ao escoitar na emisora Radio Lugo que fora nomeado “Lucense del año 1968” este membro da familia coñecida como de Antón de Marcos (nome polo que era coñecido seu pai), polo seu papel benefactor da cultura e, de xeito especial, polo seu apoio ao Museo Provincial de Lugo.

Antonio Fernández López

Libro de Avelino Pousa e Valentín Arias sobre Antonio
Fernández López, publicado por Edicións Ir Indo.

Ese foi o meu primeiro coñecemento da obra filantrópica de “O fillo de Antón de Marcos”, que andando o tempo sería honrado polo Concello de Lugo, dándolle o nome de “Fillos de Antón de Marcos” á praza interior contigua ao Museo provincial de Lugo.

Fingoi vai ser, pois, punto de referencia e de partida deste traballo, como tamén foi o primeiro lugar ao que acudín na procura de información, atopando en Siña (Asunción Fernández Puentes), Directora do Colexio, a mellor das acollidas e colaboración. Tardei moi pouco en decidir que este libro se tiña que titular “DON RICARDO DE FINGOI”.