Araceli Herrerro, alumna de Carballo en Fingoi, afirma que “sen ser propiamente home de teatro, é unha figura clave na Historia do Teatro Galego no século XX”. Polo que ao seu tempo de Fingoi se refire, o traballo teatral de Don Ricardo tería brillado de xeito singular aínda que noutros centros e en Galicia en xeral florecese esta arte, pero este brillo é especialmente notable tendo en conta que se trata dun exemplo único no seu tempo e no país.
Tiña o profesor a querenza teatral da súa nenez no Teatro Jofre do Ferrol, e dispoñía de cadro de actores entre os alumnos mediopensionistas de Fingoi que, ademais, ao ser un inusual colexio mixto, lle ofrecía entusiastas protagonistas de ambos sexos.
O teatro en Fingoi.
Un satisfeito Carballo declararía a Carmen Blanco que “celebrábamos festas nas que procurábamos a convivencia dos pais cos alunos e cos profesores, e algunha desas festas foi moi sonada porque chegamos a representar -este aspecto do teatro é o máis interesante- cousas que sorprenden, “teatro noh” xaponés, por exemplo, pezas ou fragmentos de obras de Plauto, textos en francés, textos en latín, obras modernas, por exemplo, de Maurice Baring, e obras clásicas; nese sentido algún día debería escreberse a historia do teatro no Colexio de Fingoi, que sería un capítulo importante da nosa renacencia cultural da posguerra”.
A farsa das zocas, de Carballo.
Mención especial hai que facer da “Farsa das zocas”, baseada nun conto popular galego, obra de Carballo, representada en Fingoi sen mencionar quen era o autor; e a montaxe de “Pimpinela”, un dos lances de “Os vellos non deben de namorarse”, de Castelao, que cobrou vida no Colexio e tamén no Instituto Masculino de Lugo na clausura das clases de galego que impartía Arcadio-López Casanova, profesor bolseiro en Fingoi.