1950: Amencer vital

Carballo fora un dos fundadores do Partido Galeguista e redactor (con Bóveda, Risco, Paz Andrade e Tobío) dun anteproxecto do Estatuto de Galicia. Funcionario en excedencia do Concello de Ferrol, compromisario na elección de Azaña como presidente da República, acudiu a Madrid en 1936 para as probas de acceso ao profesorado oficial.

Colexio Fingoi

 

Tardaría tres décadas en completar esas probas, e cinco longos anos en volver a Lugo, onde quedara a súa muller, que o 17 de xullo de 1936 daría a luz á primeira filla, Margarita, familiarmente coñecida como Magalí, (nome dun personaxe do “Mireio” do Nobel occitano Mistral, que os seus pais non puideron poñerlle).

Membro dun batallón de voluntarios, acada o grao de Tenente en Cam-paña do 9º Corpo do Exército da República. Sometido ao final da contenda a un Consello de Guerra, acusado de separatista por aplicación retroactiva da Lei, foi condenado por “adhesión á rebelión” a doce anos e un día de reclu-sión maior. Posto en liberdade condicional en 1941, puido volver a Lugo e reunirse coa muller e a filla, para logo residir en Ferrol.

Seguen anos de incerteza e inseguridade, impartindo clases en colexios privados onde non pode figurar oficialmente o seu nome, publicando na prensa… ata que aparece don Antonio Fernández, financeiro, cun proxecto educativo que parecía feito á medida do extraordinario intelectual que agardaba unha rehabilitación nunca pedida, e un recoñecemento que o confortase de tanto sufrimento, de tanta inxustiza.

O tempo lucense de Carballo pode parecer unha etapa de silencio, pero foi un abrente, un amencer vital que lle permitiu rehabilitarse diante de si mesmo, e proxectarse (a través do colexio e do seu alumnado) á cidade de Lugo; e a través da súa escrita, a todo o mundo de fala galega.

Carballo Calero, por Tino Grandío

Carballo Calero en Fingoi, pintado por Tino Grandío.