O “estrano” Colexio Fingoi

A diferenza de Fingoi con calquera outro colexio da época comeza polo proxecto da obra, que Don Antonio encarga a Manuel Gómez Román, un dos promotores do Día das Letras Galegas, derradeiro secretario do Partido Galeguista, e participante en Galaxia e na Fundación Penzol.

Anuncio do Colexio Fingoi, 1950

 

Consolídase coa elección do responsable do Colexio, Ricardo Carballo Calero, galeguista represaliado, que estivera no cárcere, condenado ao ostracismo social, para o que Fingoi significaba a liberdade económica, educativa e cultural. Algúns dos outros profesores de Fingoi (Ánxel Xohán, Benedicto Cea, Vicente Devesa, Concepción Fernández-Chicha ou José López Cabanillas) foran tamén represaliados ou estaban mal vistos polo réxime. E aquí foron profesores becarios Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña ou Arcadio López Casanova.

Fingoi, afirman todos, ensinantes e alumnos, era diferente a todo, destacando (nun tempo de absoluta separación por sexos) como o único colexio mixto. Cóntase que o promotor pasou unha mañá detrás do Ministro de Educación para que lle autorizase un colexio para rapaces e outro para rapazas, que logo converteu nun só, mixto. Tiña moito camiñado Don Antonio pola empresa, a administración e os labirintos da política como para non conseguir o seu propósito.

Nin existían libros de texto, nin se levaban deberes para a casa. Podía haber clases de dous alumnos, e nunca máis de vinte por aula. Impartíanse clases de gaita, de canto e baile tradicionais, de conducir… Facíanse viaxes culturais, íase ao mercado a aprender a comprar, e cada alumno tiña un horto que traballar, controlándose a produción para ver a rendibilidade do seu traballo. E facíase teatro experimental, ás veces escrito e sempre dirixido por Don Ricardo, o Conselleiro-Delegado, que resultaba ser a alma do Colexio. Nas súas clases de literatura de Bacharelato incluía o cine, a zarzuela e a ópera, para cumprir co programa oficial de ensino.