Nun proxecto coma este, ao coordinador ocórreselle abrir os sentidos para percibir palabras e intencións, xestos e miradas… e soltar as redes para conseguir froitos que tentar de reflectir no traballo. E comentar a pretensión de coñecer para que os que o escoiten, e saiban do tema, comenten a súa sintonía xeral co tema.
Ademais da xente de Fingoi, un dos primeiros entendidos especiais aos que lles comentei o tema foi a Martiño Montero Santalla, profesor da Universidade de Vigo, discípulo e devoto de Carballo Calero. O contacto foi a mediados de setembro de 2019 na Romaxe de Crentes Galegos que se celebrou na praia fluvial da miña Vilalba. E Moreno Santalla, ao saber que eu quería pescudar sobre os quince anos lucenses de Carballo Calero, comentoume que precisamente Carballo pronunciara en 1974 unha conferencia no Centro Lucense de Buenos Aires co título “Quinze anos em Lugo”.
Daquela lembrei que eu xa soubera hai preto de corenta anos desa conferencia, e puiden logo conseguila, na Biblioteca Provincial de Lugo, no volume “Letras Galegas”, que Agal publicou en 1984 con textos de Carballo Calero, entre os que se encontra o texto desta intervención, imprescindible para esta iniciativa de homenaxear en Lugo a Carballo Calero, e de reivindicar o seu lucensismo, polo menos temporal, nesta xeral homenaxe que Galicia lle rende.
Martiño Moreno Santalla, autor de “Carballo Calero e a súa obra”, comenta a sempre perceptible aversión de Carballo a falar de si mesmo por modestia e discreción, pero destaca especialmente a alusión feita máis dunha vez por Carballo á súa amnesia: “O grande trauma da guerra esnaquizou moitos arquivos. O da miña memoria foi alarmantemente saqueado. [...] Entre 1936 e 1941 acontecéronme tantas aventuras -como a tantos desventurados!- que moitas figuras familiares e moitos sucesos importantes da miña vida familiar ficaron eliminados da miña memoria” (Libros e autores galegos, II).
Nesta mesma obra, o autor comenta que “Essa perda do arquivo mental da memoria viuse agravada pala desaparicióm, durante os seus anos de ausencia forzosa nos tempos da guerra e da posterior prisom, do seu arquivo material de escritos e documentos pessoais”, e subliña a gran preocupación polo futuro que sempre afectou ao profesor: “Cadaquén se proxecta sobre o tempo segundo os condicionamentos da súa personalidade e das súas circunstancias. O que isto escrebe, combatido até a senectude pola inseguridade do futuro, de cote coidando nel, forxándoo ilusoriamente, aduro puido, por exceso de coidados ou defeito de atesouramento, reter do pasado leviás cinzas voandeiras, consagrado o presente, por enteiro, a imaxinar o porvir, e, por iso, sen oco para conxurar o pretérito”.
E xa que antes mencionei a necesidade de contar con amplas fontes informativas, digo agora que ao final do libro figura ampla nómina de xenerosas persoas vencelladas ao Fingoi de Don Ricardo, que colaboraron a que sexa tan variado o abano de opinións sobre o período lucense de Carballo Calero. E agradezo esas opinións, e a achega de numerosas fotografías que ilustran como corresponde este libro.
Pero velaquí que querendo comezar a reflectir o que foi o paso de Carballo Calero por Lugo, as súas pegadas (tanxibles ou intanxibles) na cidade e nas xentes, adéntrome no tema lendo “Cautivério de Fingoi”, do escritor amigo Ramón Reimunde Noreña que estudou con agarimo e fondura “Os anos lugueses (1950-1965) de D. Ricardo Carvalho Calero”, e que o autor resume en que “chega en 1950, coñece a sociedade e as tertúlias luguesas, gaña prestíxio docente en Fingoi, fai literatura e investiga seriamente, publica libros importantes e participa en institucións culturais sérias, fala en público do que máis sabe por todo o país e finalmente marcha a Santiago para traballar na Universidade e acadar a meta final difundindo o reintegracionismo”.
Homenaxe a Cabanillas no Colexio Fingoi. De pé, Marianela Fernández, entre Carballo Calero e Juan Carlos Teijeiro.