A vida lucense de Carballo radicaba en Fingoi, mais vencellada a un Lugo que “adquirira umha fisionomia que pouco a pouco o transformara profundamente”. E das súas incursións na vida lucense quedan mostras no Círculo das Artes, “El Progreso”, “Vida Gallega”, “Boletín de Monumentos” ou a Tertulia do Méndez.
Carballo Calero, protagonista da enquisa de El Progreso, “Parlamento de las Letras Gallegas”, 25.03.1961.
No Círculo da Artes (maio, 1952) fala de “Verso y prosa en Rosalía”. En 1963, o Círculo intégrao na organización do Centenario de “Cantares Galegos”, e colabora nas publicacións desta conmemoración, e en “Cen anos de literatura galega”. No Círculo sería mantedor na Festa da Poesía (1966), conferenciante no II Curso de Verán (1968) e colaborador no libro “O porvir da lingua galega”. En 1980 disertaría sobre o poeta lucense Luís Vázquez Fernández-Pimentel.
En “El Progreso” tivo repetidas aparicións, reflectíndose nas súas páxinas as numerosas actividades do profesor por toda Galicia.
Caricaturas de Mouriz dos asistentes á Tertulia do Méndez Núñez.
Carballo destaca na Tertulia do Méndez Núñez a Luís Pimentel (“cantor da súa terra natal”), Tino Grandío (“artista moi cotizado en Madrid”), Celestino Fernández de la Vega (“espírito moi agudo”), Ánxel Fole (“narrador moi estimado”), Ramón Piñeiro (“esculcador da saudade”), Ánxel Xohán (“denso poeta”), Álvaro Gil (“amigo de todos”) e Luciano Penedo, Antonio Figueroa ou o “hábil caricaturista” Mouriz, que os ten “duplicado a todos co seu lápiz”. E vía aquela Tertulia da que formaba parte como “brillante representación da intelectualidade lucense”.
Na obra completa de Luís Pimentel, edición de Araceli Herrero Figueroa (Galaxia, Vigo, 2009), figura un poema de Pimentel dedicado a Carballo Calero:
FORASTEIRO
Para o poeta e amigo Carballo Calero
“Cánto terror
levamos os homes”.
Só estás, nista cidade
coa que non tes soñado endexamais.
Relembras os teus sinos,
cuios sons
fuxiron xa dos teus ouvidos.
Paseias lentamente
e con ninguén podes
trocar o teu sorriso.
Ollas pra ise edificio
sen nais nas fiestras.
Tes medo ós arrabás.
Ti sabes que alí as bandeiras
están abatidas i esfarrapadas.
Coñeces que existe
unha hora solitaria
coroada por un silenzo de morte.
Ti sabes que todos os días
hai un home morto
que ninguén coñece aínda,
en cuia ollada derradeira
ficou
unha praza baleira
descoñecida pra il.
Carballo Calero, nas “Conversas en Compostela” con Fernán Vello-Pillado, lembra a Pimentel e aclara o nacemento deste poema: “Era un home de trato mui agradável. Cortés, cortés no sentido de que trataba con grande considerazón e delicadeza à xente, pero sen afectazón nengunha, con sinxeleza e con cordialidade. Era home mui afectivo, de maneira que quería muito aos seus amigos, aos que frecuentemente designava con eses vocativos: “querido amigo”… “Adeus, querido amigo”, ten-me dito muitísimas veces”.
“Recordo, por exemplo, unha vez que saímos da tertúlia e me entregou un poema que escrevera dedicado a min, e que quería que llo puxese en galego “Angelito”. Nunca souben ben se ese “Angelito” era Ánxel Fole ou era Ánxel Xohán… Pimentel considerava que non coñecía ben o galego literario, e os dous puxeron en galego textos escritos en castelán por Pimentel. Os amigos mais íntimos, mais lugueses, saberán se “Angelito“ era Fole ou Ánxel Xohán… O caso é que lle dixen que llo puña en galego, de maneira que a versión que por aí circula deste poema, titulado “Forasteiro”, e dedicado “ao poeta e amigo Carballo Calero”, está posto en galego por min. Teño o orixinal en castelán, o autógrafo con aquela tinta vermella con que escrevia sempre Pimentel”.
Sobre este aspecto a profesora Araceli Herrero, discípula de Carballo, infórmame de que se trataba de Fole, como ela ten publicado (Ediciós do Castro, 1994) nun estudo sobre Pimentel, Cunqueiro e Carballo. Sinala que dos “4 ou 5 asesores lingüísticos” de Pimentel, o que máis colaborou foi Ánxel Fole, ao que todos chamaban “Angelito”, e ninguén chamaba así a Ángel Johán.