As bágoas asomábanse tenuemente aos seus ollos. “Don Ricardo ten cara de chorar!”, exclamabamos en baixiño

Vou cinxirme a algúns recordos e pegadas que deixou en min Don Ricardo. Quizais algúns sexan moi semellantes aos dos alumnos da miña xeración no Colexio Fingoi, aínda que, como explicaba Frederic C. Bartlett, “A memoria é unha reconstrución individual e imaxinativa”.

A maior parte da miña vida está unida ao Colexio Fingoi, primeiro como alumna e, máis adiante, como profesora de Lingua e Literatura.

Eu fun alumna ou discípula (como el me nomeaba nas dedicatorias dos seus libros) de Don Ricardo no Bacharelato e na Universidade de Santiago, nos derradeiros cursos da Especialidade de Filoloxía Románica. Polo tanto, deixou unha pegada moi importante e fundamental en min.

Entrei no Colexio como alumna de párvulos, no curso 1951-52. Desa etapa inicial son os primeiros recordos, vagos e nebulosos, que teño de Don Ricardo, o director do Colexio: un señor serio, austero, estrito e atento, que inspiraba moito respecto e que controlaba e coordinaba a dinámica do Colexio. Entón, con moi poucos alumnos, eramos como unha gran familia.

Recórdoo paseando polos corredores, con cara seria, observando e coidando que se mantivese a disciplina e a organización das diferentes actividades e momentos da xornada escolar, entón longa, pois pasábamos case doce horas no Colexio.

Xa en Bacharelato, que nós comezábamos aos 11 anos, Don Ricardo foi o meu profesor nas áreas de Humanidades: Lingua e Literatura, Historia e tamén Latín nos primeiros cursos. Era un gran profesor; as súas clases, moi amenas e interesantes, abarcaban un amplo panorama de saberes, pois relacionaba os contidos de Lingua e Literatura e de Historia coa Filosofía, a Socioloxía, as Ciencias, a cultura grecolatina e mesmo (teño un recordo pouco claro, difuso…) coas Matemáticas (Matemáticas e Latín?).

Como xa se comentou en moitas ocasións, non tiñamos libros de texto, só antoloxías e libros de consulta, traballábamos con apuntamentos das explicacións dos profesores. Don Ricardo explicaba maxistralmente, paseando pola aula, entre os alumnos e alumnas. Inclinados atentamente sobre os nosos cadernos, anotábamos; chegamos a dominar a toma de apuntamentos a unha boa velocidade e con destreza. Procurábamos recoller o máis significativo e non perder o fío do discurso, porque Don Ricardo aplicaba unha técnica para controlar que así fose: de cando en vez paraba de falar, dirixíase a un de nós co fin de que continuase o discurso coa frase ou o termo apropiado. Comprobaba así se estábamos atentos e éramos capaces de completar o que estaba a explicar. Pretendía, pois, que non traballásemos como “autómatas”, que non anotásemos o que estábamos a escoitar sen pensar, sen ir integrando os contidos e sen seguir o discurso cunha orde.

Recordo unha anécdota que nunca esquecerei: estaba eu no estudo repasando todo o que apuntara da explicación de Don Ricardo sobre a Guerra dos 30 Anos. Ao coller as anotacións quedárame un oco: faltaba unha frase ou unha palabra. Deuse conta do espazo en branco ao aproximarse a examinar os meus apuntamentos. Animoume a deducir o que faltaba polo contexto, pero eu non conseguía adiviñalo. Deixoume dous ou tres recreos sentada diante dos apuntamentos cavilando, consultando… Ao final, ante a miña torpeza, díxome que a expresión adecuada era “sin ambages”. Nunca máis o esquecín. Creo que reflicte como eran os seus métodos didácticos.

Nas súas clases aprendíamos facendo. Comentábamos textos, interpretábamos lecturas, recitábamos poemas, preparábamos exposicións e, con frecuencia, practicábamos a escritura creativa: creábamos textos de diferentes xéneros, inspirados, en ocasións, en diferentes autores clásicos grecolatinos, españois, o teatro grego, Arcipreste de Hita, Don Juan Manuel… e contemporáneos. En ocasións Don Ricardo facía unha selección dos textos que escribíamos e os publicaba na revista “Vida Gallega” ou os presentaba aos Xogos Minerva de Poesía que convocaba o Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela. Algunhas alumnas foron premiadas.

Xa comentamos que o noso profesor era serio, estrito e expresaba pouco os seus sentimentos. Tamén percibíamos a súa sensibilidade. Nalgunhas ocasións descubríamos nel unha expresión ou mirada emocionada e noutras non era capaz de conterse e chegaba, incluso, a chorar de risa ante textos humorísticos dalgúns alumnos…

Como educador e mestre global, Don Ricardo implicábase directamente e con rigor, non só na aula, nas súas clases, senón tamén nos outros espazos, tempos e actividades do proxecto educativo do Colexio: no comedor (cada día comía nunha mesa, atento sempre ás actitudes, aos xestos e a que comésemos todo o que tiñamos no prato…), nas sesións de estudo (inspiraba moito respecto -e mesmo temor?- e todo era silencio cando entraba), nos recreos, nas excursións de fin de semana e nas viaxes de estudo ou no teatro. Era este un recurso pedagóxico moi importante para el: seleccionaba as obras (variadas e en diversas linguas: latín, galego, francés…), os actores e dirixía as representacións.

Incidía de maneira especial e sutil na aprendizaxe en xeral da lingua e cultura galegas, do noso folclore, da nosa identidade. Nas viaxes, por exemplo, cantaba connosco o noso Cancioneiro… Moitos recordamos como se emocionaba cantando “Quen me dera en Lobeira”. As bágoas asomábanse tenuemente aos seus ollos. “Don Ricardo ten cara de chorar!”, exclamabamos en baixiño.

Carmen Fernandez (“Camolas”), Manuel Sández, Carballo Calero e Araceli Herrero, en viaxe dominical a Compostela.

Carmen Fernandez (“Camolas”), Manuel Sández, Carballo Calero e Araceli Herrero, en viaxe dominical a Compostela.

Don Ricardo acompañounos en varias das viaxes que fixo o noso curso en Bacharelato: a Asturias, Santander, País Vasco, Extremadura, Andalucía, León, Zamora, Salamanca… Creo que todas estas experiencias deixaron en nós (en min, seguro) un amor por viaxar, por descubrir outros lugares, outras xentes e historias, outras culturas. Fixéronnos viaxeiros. Recordo que levábamos unha libreta pequena a modo de caderno de viaxe e todas as noites (aínda que estivésemos moi cansos) tiñamos que escribir sobre os descubrimentos e as vivencias máis importantes da xornada. Á mañá seguinte, Don Ricardo revisaba o que escribíramos. Normalmente dábanos moita preguiza facelo, pero coa perspectiva que da o paso do tempo, síntome moi agradecida por todo o que vivín e experimentei daquela.

Don Ricardo deixou en min, como persoa e moi especialmente como profesor, mestre, unha pegada fonda, importante e duradeira. Contribuíu de maneira fundamental a espertar en min o entusiasmo, o amor polas Humanidades e, en concreto, polas Linguas (clásicas e modernas) e pola Literatura, pola lectura. Tamén o desexo e o afán por coñecer, por profundar no saber en xeral. Cando cheguei á Universidade de Santiago para estudar Filosofía e Letras deime conta de todos os saberes e destrezas que levaba como bagaxe; puiden manexarme moi ben, especialmente nas áreas de Linguas e Literatura, nos comentarios e interpretacións de textos, nos traballos de investigación, na recollida de apuntamentos, e na habilidade de seguir aos profesores nas súas explicacións maxistrais. Sentinme segura…

E, por fin, tiven a gran sorte de ter tamén a Don Ricardo como profesor de Literaturas Románicas (hai pouco comentaba unha compañeira: “Que ben as daba!”) e de Lingua e Literatura Galegas, nos derradeiros cursos da especialidade.

Cando rematei a Licenciatura falou comigo para preguntarme se quería traballar con el como axudante no Seminario de Lingüística e Literatura Galega. Agradecinlle moito que pensara en min. E durante dous anos tiven de novo unha experiencia enriquecedora e moi importante para a miña formación e preparación como futura profesora de Lingua e Literatura no Colexio (ao que teño tamén tanto que agradecer…), dende o ano 1977, no que volvín de novo, feliz.

Alégrome moito de que por fin se lle dedique o Día Das Letras Galegas a Don Ricardo. Identifícome coas consideracións do profesor Reimunde na súa obra “Cautivério de Fingoi”, onde di (cito textualmente): “Ben merece que se lle dedique o Día das Letras Galegas para honrar o seu inmenso e valioso labor”.