Hai case setenta anos que se puxo en marcha unha das iniciativas máis transcendentais, en todas as ordes, para Lugo e a súa Provincia, de Don Antonio Fernández López: o Colexio Fingoi. En base aos principios da Institución Libre de Ensino e outras liñas pedagóxicas de vangarda en programas metodolóxicos educativos, Don Antonio pon en marcha, tras sete anos de tramitación, en 1950, este proxecto educativo, innovador naquelas datas en España, presentado administrativamente como proxecto educativo experimental, pero o que é máis destacable é que chocaba coa política educativa vixente naquel momento: un colexio mixto, con profesores e intelectuais represaliados da República, galeguista, laico e baseado en principios, metodoloxías e experiencias dunha institución educativa modélica republicana, e todo isto nun Lugo de 1950, capital dunha provincia eminentemente rural, paleta, pobre, e politicamente disciplinada e adaptada ao réxime saído dunha recente guerra civil fratricida. Só a pers-pectiva que nos dan os anos transcorridos permítenos valorar a enorme transcendencia desta iniciativa educativa “experimental” que funcionou, ininterrompi-damente, como un faro de liberdade e modernidade, e aínda hoxe segue funcionando nun contexto político e educativo moi diferente.
Á fronte do Colexio Fingoi, Don Antonio pon a Don Ricardo Carballo Calero, lin-güista, intelectual, escritor, destacado galeguista e extenente do exército republicano, condenado por un Consello de Guerra por separatista, encarcerado e inhabilitado para o exercicio de toda función pública. Nin sequera podería ser oficialmente director do Colexio, aínda que de facto dirixise o Colexio durante quince anos. Xunto a varios intelectuais en situación político-administrativa de represaliados republicanos como pro-fesores, ponse en funcionamento o Colexio no Curso 1950-51, impartindo o primeiro de Bacharelato, con sete alumnos: María del Carmen Fernández, Pepa Carro, Maricar-men Gil, Carmela Dadín, Emilio Valiño, o meu irmán Carlos e eu. Tamén estudaban os fillos maiores de Don Antonio, Gonzalo, José Luís e Pedro, matriculados en cursos máis avanzados, e algúns de cursos previos ao bacharelato. Mentres non foi recoñe-cido oficialmente en 1957, examinabámonos nos institutos masculino e feminino, como alumnos libres.
Hoxe asómbrome ante os extraordinarios dotes de persuasión e contactos que tería que despregar nos anos 40 Don Antonio para lograr os permisos administrativos para abrir o Colexio, aínda que fose como experimental. Pero tamén hai que recoñecer que os nosos pais, profesionais e empresarios, tiveron moito valor para encomendar a educación dos seus fillos a un centro con eses “antecedentes”, e cun director e pro-fesores cos seus. É obvio que o prestixio de Don Antonio influíu nesa decisión.
Don Ricardo cos primeiros alumnos de Fingoi.
Fago estas consideracións porque creo que esta etapa de Don Ricardo, que vivía no mesmo colexio coa súa familia, hai que contextualizala politicamente na España de 1950, e vela coa perspectiva de setenta anos, xa que como estudante de dez anos de idade non era consciente da realidade política na que se situaba a posta en funciona-mento do Colexio Fingoi e os seus primeiros anos, xa que suceden na etapa máis dura do réxime franquista. E non se entendería a figura de Don Ricardo sen a súa estancia de 15 anos en Lugo como director do Colexio Fingoi.
Do que nos dabamos conta os alumnos, e mesmo o comentabamos entre nós polo que nos contaban os nosos parentes e amigos, era que o Colexio era diferente aos institutos onde nos examinabamos, e doutros centros educativos: era mixto, funciona-bamos con apuntamentos e non con libros de texto, non memorizabamos, faciamos prácticas de laboratorio, tiñamos talleres e hortos, faciamos viaxes culturais por Galicia que se estenderon posteriormente ao resto de España; analizábase o menú semanal das comidas na súa composición de vitaminas, hidratos, proteínas, mesmo as mozas ían ao mercado para comprar os alimentos; non había a materia de galego, pero impar-tíase literatura galega, e facíanse moitas actividades como teatro, folclore (eu tocaba o bombo e a percusión nunha banda de gaiteiros), que che facían vivir e querer a Gali-cia, e de paso aprendías o galego de forma amable e natural, sen orientacións partidistas de natureza nacionalista ou separatista. Sen embargo o que nos distinguía netamente dos alumnos dos demais centros era que non xogabamos ao fútbol, e como o Colexio estaba nos arredores, iamos nun autobús pintoresco, o “Raio de prata”. O de “prata” era pola cor do autobús, e o de “raio” pola lentitude da súa marcha, propia dun transporte escolar, que o facía moi atractivo á rapazada do barrio de Recatelo para subirse á escada traseira do autobús e darse un “viaxiño”.
Desde o meu punto de vista, como alumno, Don Ricardo dirixía o Colexio con man moi firme, quizais en exceso, dado o reducido número de alumnos e a súa curta idade. El era unha persoa moi seria e os seus xestos, actitudes, e manifestacións eran cohe-rentes con este carácter, aínda que ante situacións hilarantes que se producían inevitablemente nun grupo de alumnos tan novos, custáballe manter esa seriedade e, en moi contadas ocasións, rompía a rir, un intre, pero dominábase e rapidamente volvía ao seu xesto adusto, posibelmente impostado. Como profesor era magnífico. Tiña uns coñecementos moi vastos, enciclopédicos, interrelacionados e panorámicos. Cada clase de literatura, historia, xeografía, hoxe diría que eran clases maxistrais, que se apoiaban en publicacións e láminas de cadros pictóricos, edificios, etc. Creo que o meu espírito crítico e as miñas afeccións á lectura, á pintura, a viaxar, a visitar museos, veñen desas clases. O ano que vivín en Italia, xa como funcionario, foi inesquecible, víao realmente como un repaso ao que xa oíra e vira, e as viaxes a Grecia e Centroeu-ropa, o mesmo. Sinto non poder ir, por motivos de seguridade, a Exipto e aos países de Oriente Medio, para repasar as clases de Don Ricardo.
Un recordo curioso é ver como, nunha aula baleira, o pintor Tino Grandío pintou o cadro de gran formato da Virxe dos Ollos Grandes, que estivo anos presidindo a capela do colexio, actualmente no Museo. Daquela época é o retrato, magnífico, de Don Ricardo. Non me podo imaxinar as conversacións do estrambótico e “retranqueiro” Tino co serio Don Ricardo.
O pequeno grupo que formamos a primeira promoción do Colexio Fingoi, cun cadro de persoal de profesores extraordinarios, creo que nos debemos sentir moi afortuna-dos. Vinte anos despois estudou no Colexio outro irmán meu, Jorge, logo os meus dous fillos, Xavier e Ana, e agora os netos Ximena e Beltrán.
Nosa Señora dos Ollos Grandes, patrona de Lugo, obra de Tino Grandío.