Fingoi era un oasis pedagóxico no contexto educativo da España franquista

Eu cheguei ao colexio Fingoi cando tiña doce anos, no curso 1957-58. Antes estiven a estudar por libre. Iso quería dicir que estudaba pola miña conta coa axuda de meu pai, no tempo que lle deixaba libre a súa escola mixta (que sempre era pouco), e ao fin do curso, en xuño, ía examinarme ao Instituto Femenino de Lugo.

Mentres me foron chegando os coñecementos da escola, non tiven problema, pero ao chegar a segundo, a cousa foise complicando: entre xuño e setembro non logrei aprobar as materias necesarias para pasar de curso e tiven que repetir. Meu pai decidiu mandarme ao colexio Fingoi, onde xa estaba a miña irmá, Xosefina.

Fingoi era un oasis pedagóxico no contexto educativo da España franquista. Cando eu cheguei alí Don Ricardo Carvalho Calero era o director do colexio e daba clase de lingua e literatura españolas en tódolos cursos do bacharelato. Aí comezou o meu contacto con este educador que tan fonda influencia tivo na miña vida. Chámolle “educador”· porque el non se limitaba a transmitir coñecementos desta ou daquela materia, senón que, dentro do ideario do colexio, que seguía as directrices da “Institución Libre de Enseñanza”, procuraba a formación integral dos alumnos.

Deseguida encontreime valorizada, pois Don Ricardo estimaba moito que soubésemos falar galego. Eu viña da aldea e era unha rapaciña galegofalante, cousa que me deu gran prestixio aos seus ollos. El sacábame ao estrado da clase para ensinar ao resto dos alumnos as diferenzas entre o sistema vocálico galego e o castelán, pois eu distinguía sen dificultade o “oso” animal con “o” fechada do “óso” (do esqueleto) con “o” aberta, ou “ven acó” do ”o carro vén aí”.

Tamén é verdade que noutras expresións metía a zoca e Don Ricardo corrixíame sempre, pois afirmaba que había que falar ben o galego, pero igual de ben o castelán, por iso non admitía expresións incorrectas en castelán. Por tanto, nada de “voy hacer, voy comprar”.

Sempre era esixente connosco e nos pedía que lésemos e nos documentásemos antes de falar de calquera tema. Recordo que o primeiro ano que estiven en Fingoi mandounos facer unha redacción comparando as terras da Mariña e as da meseta de Lugo. Eu, que oía a miña mai falar da montaña para referirse á terra de meu pai (Cospeito) e dos seus familiares, escribín toda unha morea de despropósitos falando dos moitos accidentes de relevo propios da “montaña” en contraste coas grandes chairas da Mariña. En canto a leu chamoume a capítulo e díxome que precisamente o que eu consideraba montaña chamábase “A Terra Chá“, e levoume á profesora de Xeografía (Srta. Teijeiro) para que me mostrase o mapa. Despois de ben informada e de facer eu mesma o mapa, refixen a redacción e nunca máis esquecín as características do mapa de Galicia.

O colexio, amais de atender ao ensino regrado, tiña moitas innovacións que aínda hoxe chamarían a atención: poñían moito interese na hixiene persoal do alumnado -lavábamos as mans antes de cada comida, tres veces ó día dentro das horas de colexio (ás once, ó almorzo e á merenda), e tamén lavábamos os dentes despois de cada unha delas; coidaban con esmero darnos unha dieta equilibrada-. Pero non me vou a estender máis nestes detalles. Contei uns, pero podían ser outros.

Maricruz Truque, Don Ricardo e Gloria Baamonde.

Maricruz Truque, Don Ricardo e Gloria Baamonde.

Interésame agora centrarme nas moitas e moi variadas actividades extraescolares que practicabamos diariamente, semanalmente e anualmente. Nalgunhas delas Carvalho Calero tiña un papel determinante en tanto que profesor de lingua e literatura.

Era el o que escollía as pezas que habían de representarse nas funcións de Nadal e nas da fin de curso. Escollía por igual obras en galego, obras orixinariamente escritas en castelán ou traducidas ao castelán, calquera que fose o idioma orixinal da súa escrita.

Cando eu entrei no colexio sorprendinme coa primeira peza que vin representar alí: tratábase, como confirmei moitos anos despois, dun mimo grego da época hele-nística escrito por Herodas (século III a. de C.). Era este un subxénero chamado “mimiambi” en razón da súa métrica (verso yámbico), peciñas curtas escritas en forma dialogada que presentaban escenas da vida urbana, con personaxes estereotipados, tales como a dama celosa, o pedagogo, o rufián ou o “alcahuete”. O ton delas era desenfadado e, en ocasións, chegaba a ser obsceno.

O representado en Fingoi era o do zapateiro que atende ás súas clientas e failles probar os zapatos con comentarios de todo tipo: sobre a boa feitura dos zapatos fabri-cados por el, sobre o seu color, ou sobre o bo encaixe dos mesmos nos pés das mulleres. Non faltan tampouco os comentarios sobre outros aspectos da vida delas (as relacións cos seus homes, os asuntos económicos, etc.). Nesta ocasión a peza estaba representada polas alumnas dos cursos superiores do bacharelato que se movían con soltura e elegancia.

A min gustoume tanto que a recordei toda a vida, e andando o tempo, nas miñas clases sobre o xénero teatral na Universidade de Oviedo, aínda botei man dela para exemplificar como o diálogo dramático invita a determinadas entoacións, a determina-dos xestos ou movementos.

Despois deste bautizo, pouco a pouco eu fun entrando nos cadros de actores do colexio. Para esa entrada creo que foi decisiva unha práctica moi do gusto de Don Ricardo: a declamación de poemas. Con certa frecuencia encargábanos a memoriza-ción de un ou dous poemas, que recitábamos na clase ou co gallo dalgunha festividade sinalada. Cheguei a gañar moitos deses concursos, e aínda conservo algún dos libros con que me premiaba Don Ricardo ou o xurado, xeralmente nomeado para a ocasión. Anos despois, cando Carballo Calero pasou a formar parte do profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, coincidín con el nos cursos 1967-68 e 1968-69, e conservei o meu prestixio de lectora, pois seguiu encomendándome a lec-tura dos textos dos autores ós que se dedicaba o Día das Letras Galegas mentres estiven na Universidade.

As funcións que se facían no Nadal e en xuño, ao final do curso, eran longas e nelas recollíase o froito das variadas actividades extraescolares. Podía intervir o coro, a banda de gaitas formada por alumnas e alumnos, acostumaba haber bailes galegos, pero tamén ballet clásico. Para rematar a función representábase a obra escollida. Os orga-nizadores procuraban a participación de todo o alumnado: dende os grupos de párvulos aos alumnos do bacharelato superior, pasando polos dos os do bacharelato elemental. A min non me levaba a idea bailar os bailes galegos tan habituais en Fingoi, tam-pouco era boa para o coro, aínda que formaba parte del como tódalas alumnas e alumnos do Fingoi. Miña irmá era unha das solistas do coro. Eu só conseguín destacar como recita-dora de poemas ou como actriz nos diferentes papeis que me foron enco-mendados.

En máis dunha ocasión fun a actriz principal escollida por Carvalho para algunha representación. Das que me lembro con certeza son “A farsa das zocas”, obra do propio Carvalho, en xuño de 1959, “O círculo de xiz caucasiano” de Bertolt Brecht, e unha adaptación de Henrique VIII (de Sha-kespeare?) na que só aparecían dous personaxes, Henrique VIII e unha das súas mulleres, quizais María Tudor. Sinto non poder recordar tódalas obras nas que fun actriz principal, pero teño idea de que tamén fun Antí-gona na representación de “Antígona” de Jean Anouilh.

Gloria Baamonde Traveso

Gloria Baamonde Traveso.

Como se pode ver a través dos títulos e dos autores, Carvalho Calero preocupouse de que os seus alumnos coñecesen non só a literatura galega e a española, senón tamén a literatura clásica, a europea e a universal. Cando eu facía o sexto curso do bacharelato, dedicou un trimestre a explicarnos os autores e as correntes da literatura europea e da norteamericana de finais do século XIX e de principios do XX. Deste xeito, cando cheguei á Universidade, non me colleron de sorpresa nomes como Eça de Queiroz, Sartre, Camus, Pirandello, Kafka, O´Neil, Faulkner, Walt Whitman e tantos outros. A presenza de Méndez Ferrín ou de Bernardino Graña como profesores de Fingoi mentres eu estiven alí contribuíu a este “aggiornamento”.

Lembranzas dos Xogos Florais

Lembranzas dos Xogos Florais do Colexio Minerva.

Hai outro aspecto do maxisterio de Carvalho Calero que me gustaría sinalar: o seu afán por estimular a creatividade dos seus alumnos. Sempre nos invitaba a participar en tódolos concursos de contos ou poemas dos que tiña noticia, ben a través das revistas ou ben a través das propostas que lle chegaban doutros colexios. Escribíamos os textos e despois el encargábase de mandar os mellores para a súa publicación. Cando eu cursaba sexto curso do bacharelato, o derradeiro que se podía facer en Fin-goi, veu un día don Ricardo a propoñernos que escribísemos uns poemas para mandar aos primeiros Xogos Florais que o Colexio Minerva celebraría en marzo de 1963 co gallo das festas de San Xosé. Meteunos na biblioteca e estivo alí con nosoutras -todas eramos mulleres nese curso- até que os poemas estiveron feitos. Eu fun a última en saír da biblioteca.

Un tempo despois, Carvalho chegou entusiasmado á clase para dicirme que os meus poemas conseguiran o segundo premio de poesía en lingua galega. El sabíao ben pois formara parte, como vocal, do xurado que estivera presidido por Don Henri-que Moreno Báez. Don Ricardo díxome que tiñamos que ir a Santiago a recoller o premio. Pouco podía eu imaxinar o rebumbio que me agardaba. Non sei como amañei. Desde logo foi meu pai comigo. Alí xa estaba miña irmá a estudar na Universidade Compostelá. Entre os tres arranxamos de presentarnos primeiro no Colexio Minerva, onde fixemos o ensaio da función que se celebrou ás sete da tarde do día dezaoito de marzo de 1963 no Hostal dos Reis Católicos.

Eu quedei superada pola función da entrega de premios: houbo moitísima xente. Alí estaban moitos dos que despois serían os meus profesores na Universidade Com-postelá. Alí estaba o escritor Álvaro Cunqueiro, que actuaba como mantedor dos Xogos Florais. Don Ricardo presentoumo, e el, ó saber que eu era de Cedofeita, púxoseme a falar do cura Agrelo que vivira en Mondoñedo e fora o derradeiro home que levaba fibelas de prata nos seus zapatos. Con tanta xente e tanta conversa a min esqueceume saír para avisar a meu pai e a miña irmá para que entraran á merenda que nos ofreceu o Colexio Minerva no propio Hostal. Ao fin dei na conta do meu erro e saín buscalos.

Despois desta festa, aínda seguín en Fingoi até que rematou o curso e me presentei, como alumna do colexio, á reválida de sexto.

No outono dese mesmo ano fun para Santiago a facer o preuniversitario ao Instituto Rosalía de Castro, para seguir despois coa licenciatura en Linguas Románicas que rematei no ano 1969. Como xa quedou dito máis arriba, a miña relación con Carvalho continuou, pois tamén el chegou como profesor á Universidade e aínda alí me axudou e promocionou todo o que puido. Por iso, a miña gratitude para con el será eterna mentres viva.