Gobernou con moita lealdade, responsabilidade e rectitude

Comezarei falando do meu pai, Antonio Fernández López, máis coñecido en Lugo como Antón de Marcos, un empresario que desenvolveu a súa actividade profesional contribuíndo ao desen-volvemento económico de Galicia e, ao mesmo tempo, cun profundo interese social, cultural e educativo que o levou a crear proxectos pioneiros como a Granxa e a Escola de Barreiros e o colexio Fingoi. O seu afán innovador levouno a investir en educación, porque sabía que preparar aos nosos nenos e nenas para vivir o mundo de mañá era a forma de ter respostas e solucións aos desafíos globais de hoxe.

Avelino Pousa Antelo y María Teresa López

Avelino Pousa Antelo e María Teresa López Carrozas na Escola de Barreiros.

No ano 1948 crea a Escola de Orientación Agrícola da Granxa de Barreiros de ensino primario, coa a idea de facer un ensaio educativo que fose pragmático, baseado na reali-dade do entorno e nas vivencias dos propios nenos e nenas, fuxindo do ensino memorístico e rutineiro, coa intención clara de contribuír á mellora do mundo rural, ao mesmo tempo que escolarizaba aos seus fillos maiores en Primaria (aínda estaban sen facelo). Esta escola tivo como primeiro mestre ao galeguista Avelino Pousa Antelo.

Seguindo cos mesmos principios da Escola de Barreiros, e animado polo mestre Don José López Cabanillas, que daba clases particulares aos meus irmáns maiores para poder examinarse por libre no Instituto, foi aquí en Lugo que lle suxire ao meu pai a creación do seu propio centro de ensino en consonancia coas súas ideas educativas. En Lugo non exis-tía ningún centro nin público nin privado que se axustase ás súas ideas. Foi entón cando en 1950 crea un novo colexio mixto, de Ensino Primario e Medio, situado no barrio rural de Fin-goi, do que toma o nome para o colexio, cun proxecto educativo totalmente innovador. O Modelo Pedagóxico recolle as teorías e as experiencias máis innovadoras de fin de século e dos primeiros anos do Século XX: a Escola Nova, a Institución Libre de Ensino que meu pai coñecía ben. E, ao mesmo tempo, terminaba de escolarizar a todos os seus fillos.

Ensaio educativo

Ensaio educativo baseado na realidade e nas vivencias de nenos e nenas.

Pero este proxecto necesitaba de alguén que se responsabilizase da dirección do futuro colexio e que soubese executar a idea do meu pai. Foi cando un amigo común, Álvaro Gil Varela, lle propón a Don Ricardo como a persoa idónea neste cometido. En decembro de 1949 os dous tiveron a primeira entrevista, onde falan deste novo proxecto educativo e lle ofrece a dirección. É en xullo de 1950 cando os dous chegan a un acordo. O 20 de setembro dese mesmo ano Don Ricardo vén para Lugo. Vén só, pois a familia aínda ten que esperar, ata que a súa muller Dona María Ignacia, “Nacha” para os amigos, profesora axudante de instituto, puidese trasladarse a Lugo ocupando o mesmo cargo.

No ano 1951 normalízase a situación e se inaugura o colexio. Nestes primeiros anos, os alumnos de Fingoi teñen que examinarse por libre nos institutos de Lugo, masculino e feminino.

Eu tiven a sorte de ser alumna de Don Ricardo ao longo de toda a miña vida esco-lar e posteriormente na Universidade. Agora diríxome a estes alumnos: dicimos “Don Ricardo” porque naquela época era habitual tratar aos profesores de “Usted”, “Don”, “Doña”, “Señorita”, e o mesmo os profesores nos trataban de “Usted”.

Co paso dos anos cheguei a comprender a riqueza da súa ensinanza, que que me levou a amar a literatura e a escritura, cando a min o que me gustaba eran as ciencias.

Don Ricardo semellaba ser un home serio, incluso algo distante, pero ao mesmo tempo tiña un gran sentido do humor. Gobernou o colexio con moita lealdade, responsabilidade e rectitude, tratando de facer que se cumprisen estritamente os seus principios pedagóxicos, así como as normas que rexían e que todos debíamos cumprir.

A súa ampla formación, tanto intelectual como cultural, permitíalle como profesor impartir clases amenas e interesantes, con actividades moi diversas que facía que aprendésemos de maneira significativa e motivadora cara a comprensión da lingua e da literatura.

A metodoloxía que empregaba era moi interactiva e potenciaba a nosa capacidade creadora e comunicativa, xa que traballábamos a literatura lendo textos e recitando poemas de autores coñecidos cos que posteriormente tíñamos que facer as nosas propias creacións literarias, como podían ser contos, poemas, etc. Algunhas destas creacións despois eran publicadas en revistas como “Vida Gallega”, e outras veces presentábanse aos Xogos Minervais do Colexio Peleteiro en Santiago de Compostela, sendo premiadas moitas das veces.

Para min, un dos grandes recursos pedagóxicos utilizados por Don Ricardo era a representación das obras de teatro, poñendo en escena cada curso escolar diversas obras teatrais como “A farsa das zocas”, “O circulo de xiz”, o lance de “Pimpinela” de “Os vellos non deben de namorarse”, etc. Algunhas da súa autoría, en diferentes lin-guas, e noutros casos adaptacións de textos doutros autores. Obras que non só eran representadas no colexio, senón tamén fóra do mesmo. As artes escénicas, tanto o teatro como a música ou a danza, son moi importantes para o desenvolvemento inte-gral da persoa, axudan a perder o medo a expresarse en público, aprender a escoitar, a relacionarse e a comunicarse con outras persoas, etc.

Asunción Fernández Puentes...

Asunción Fernández Puentes (“Siña”), Dina Bohorque e Mª Carmen Herrero Figueroa (“Macali”).

No que toca á parte máis formal da linguaxe oral e escrita, Don Ricardo era moi escrupuloso e esixente en canto ao uso dunha correcta ortografía, o mesmo que coa pro-nunciación. Lembro unha anécdota cando nos facía diferenciar a pronunciación dos fonemas “ll” e “y”, por exemplo: “pollo” (animal) ou “poyo” (banco), que eu aprendera o truco de colocar unha “l” diante da ll (“pol-llo”).

Conservo un grato recordo de Don Ricardo cando relacionaba algunhas das obras literarias con cancións tradicionais de diversas rexións de España e Galicia, e aínda hoxe lembro perfectamente a cantiga popular

“Quen me dera en Lobeira”, ou a cantiga dos transhumantes, ”Ya se van los pastores a Extremadura”. Gustáballe moito cantar.

Esta metodoloxía, onde trataba de glo-balizar a literatura con outras disciplinas como a historia, a xeografía, os costumes, a música, e mesmo as ciencias naturais, conseguía que o proceso de ensinanza/ aprendizaxe fose para nós algo significa-tivo e motivador.

Aínda que non falábamos en galego, por ser algo prohibido nesa época, introdu-cíao solapadamente en poemas, cancións, obras de teatro, costumes, e nas viaxes de estudo que se facían os sábados pola pro-vincia de Lugo, asistindo a feiras, etc., coa fin de utilizar os recursos que o noso con-torno nos proporciona. Horas e horas poderíamos estar falando dunha época que foi tan esencial e especial que non esque-ceremos nunca.

E, sen máis, creo que hoxe podo dicir e asegurar que Fingoi segue sendo un modelo que continúa fiel aos principios fundacionais, e que no vindeiro curso cumprirá o seu 70 aniversario.

Grazas, Don Ricardo, polo que fuches para este colexio!

Colexio Fingoi

Intervención de Asunción Fernández Puentes, “Siña”, Directora do Colexio Fingoi, filla de Don Antonio Fernández López, o 15 de xaneiro de 2020, na presentación da exposición itinerante “Don Ricardo de Fingoi”, dedicada aos anos lucenses de Carballo Calero