Escribir sobre o profesor Carballo Calero (para min, sempre Don Ricardo) supón evocar a personalidade dun extraordinario profesor, máis aínda naqueles anos de certas rutinas pedagóxicas.
O respecto que inspiraba, tanto nas clases como en todo o colexio, non procedía da súa condición de director, senón da súa valía e do seu saber; non da súa “potestas”, senón da súa “auctoritas”. Deixou unha pegada en min que endexamais se apagará.
Mencionarei algúns exemplos do estilo pedagóxico de Don Ricardo. Nas súas cla-ses non había exames. Faciamos ditados que, unha vez corrixidos e comentados, en ocasións (se se trataba dun poema ou unha cantiga) había que memorizar e despois recitar ou cantar con toda seriedade. Nunha ocasión un alumno riuse inconveniente-mente e Don Ricardo fixo un ditado alusivo a esa actitude, de tal xeito que ao rapaz non lle quedaron ganas de mover os beizos.
Se nun texto de estudo ou lectura xurdían palabras novas, cada un tiña que achegar unha idea que se aproximase ao seu significado; para dar a palabra dun alumno a outro utilizaba un “percutor”, que consistía nunha regra ou calquera outro obxecto co que poder petar na mesa e así marcar a orde das intervencións. En ocasións facía fra-ses alusivas ás nosas actitudes, expresións que, en todo caso, eran sempre respectuosas e, dende logo, con clara intención didáctica.
No colexio o teatro era unha actividade habitual na que participabamos alumnos e alumnas. As representacións teatrais, coidadosamente preparadas para Nadal e fin de curso, estaban incluídas no “Seminario de Estudos Literarios do Colexio Fingoi”.
Nas clases organizábanse tamén concursos literarios. O alumno ou a alumna gaña-dores do certame correspondente á especialidade de teatro tiñan que preparar a obra, dirixindo a súa posta en escena e elixindo os actores e actrices entre os compañeiros, o cal resultaba ás veces algo comprometido. O conxunto do labor teatral de Don Ricardo foi estudado pola profesora Carmen Blanco.
A ese mesmo seminario débese a publicación dos “Contos populares da provincia de Lugo”, unha achega fundamental para o coñecemento da literatura popular luguesa. Lugo está presente tamén, xa dende o mesmo título, no “Salterio de Fingoy”, un poemario de gran calado intelectual e existencial elaborado nos seus anos de residencia na nosa cidade.
Araceli Herrero Figueroa e María José Pardo-Gil Magadán.
Volvo aos meus anos colexiais para lembrar cando, nas clases de lingua e litera-tura, tiñamos que recitar un poema previamente estudado cunha entoación perfectamente adecuada a cada xénero, xa fose un epitalamio, xa unha elexía… A este respecto, recordo que certo día estudaramos o poema “La nieve” de Gerardo Diego (“por Quintanar de la Sierra / danzando viene”). Os meus compañeiros recitárono timi-damente. Cando foi a miña quenda, puxen toda a miña énfase e alcei os brazos, sen me decatar de que tiña a sisa da chaqueta descosida. Como é natural, as risas foron inevitables, e tan contaxiosas que ata o propio Don Ricardo acabou rindo e sacando o pano para secar as bágoas; logo rematou agradecendo o bo anaco que tiñamos pasado entre todos.
As alumnas recibiamos clases de cociña. Cada día, antes de sentar á mesa, unha de nós tiña que dicir unha oración e anunciar o menú correspondente; se había un prato que levase un “ll” ningunha quería intervir, porque sabiamos que don Ricardo nos preguntaría se era “pollo” ou “poyo” e insistiría ata que o pronunciásemos correc-tamente diante de todos os comensais.
Era un gran melómano. E precisamente foi a súa afección á música o que o levou a crear un coro, que entre outras cousas servía para entreternos un anaco tralo xantar. Unhas veces cantabamos algún poema escrito por el mesmo, como o que lle dedicou a “Pimpinela”, a protagonista de “Os vellos non deben de namorarse”; outras, canta-bamos alalás (lembro “Quen me dera en Lobeira”), ou cantigas populares en castelán, como “Ya se van los pastores a la Extremadura”.
En 1965 foille levantada a prohibición de exercer a docencia en centros públicos. Foi entón cando se trasladou a vivir a Santiago. Anos despois, en 1972, accedería (por oposición) á primeira cátedra de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago.
Nunca deixou de visitar frecuentemente Lugo, a cidade da familia da súa dona, María Ignacia Ramos. E, dende logo, os que tivemos o privilexio de beneficiármonos do seu maxisterio levámolo sempre na nosa lembranza e no noso corazón.
De festa por Fingoi.