O maxisterio de Don Ricardo supuxo un galano que, sen ser nin sequera conscientes, e menos merecentes, recibimos nenos e nenas de Lugo e provincia

Naquel século XX no que se centra a vida de Don Ricardo Carballo Calero (1910-1990), poucas figuras deu Galiza da súa talla intelectual. Hoxe é, por fin, homenaxeado co Día das Letras Galegas. É de xustiza. De certo, os que tivemos a sorte de sermos os seus alumnos, discípulos e amigos, sabemos ben do seu amor á nosa lingua, cultura e aos seus valores literarios, patente para nós xa desde as aulas daquel querido e inesquecíbel Colexio Fingoi, centro que remite ao magnífico tándem que conformaron dúas relevantes figuras: Don Antonio Fernández López e Don Ricardo Carballo Calero.

Se hai un texto de Carballo que deberiamos coñecer, agradecer e aplaudir todos os lucenses, é a conferencia que impartiu no Centro Lucense de Buenos Aires, “Quinze anos em Lugo”, texto no que se nos precisa que, se ben se criou á beira do mar ártabro, na súa moi querida cidade de Ferrol, Lugo representa na súa vida e familia un espazo e tempo de acariñadas lembranzas.

Carballo amaba Lugo e a cidade recórdao cunha ampla avenida no seu Campus pertencente á Universidade de Santiago de Compostela, da que foi catedrático, obrigándonos á vez a lembrar que, precisamente a esta súa etapa luguesa remite un moi importante e transcendental labor investigador, traballo filolóxico que desenvolveu á par do seu desem-peño como profesor e director (conselleiro-delegado) de Fingoi desde 1950, ano que veu a Lugo para dirixir o Colexio, até 1965, se ben mantería nesta cidade o domicilio familiar até 1968 e, nos seus derradeiros anos, tería aquí a súa segunda vivenda na veciñanza da súa filla Magalí.

Para aqueles que fomos alumnos do Colexio o maxisterio de Don Ricardo supuxo, como teño dito nalgunha ocasión, un galano que, sen ser nin sequera conscientes, e menos mere-centes, recibimos nenos e nenas de Lugo e provincia. Maxisterio que, no meu caso, decidiríame para, renunciando ao proxecto de estudar Medicina, cursar Filosofía e Letras e orientar a miña profesión cara a docencia que, por certo, me aportaría grandes satisfaccións.

Sabedora de que outros compañeiros, por exemplo a miña irmá Carmen, falarán do traballo profesoral de Carballo, e deixando xa aparte a súa produción creativa, lite-raria, vou centrarme nesa súa actividade investigadora e filolóxica dos anos de Fingoi, actividade que adiaba, aprazaba e, mesmo, abandonaba, non xa para impartir aquelas magníficas aulas de lingua, literatura, historia universal, latín, francés... que en todo o alumnado deixaron fonda pegada, senón para complementar a nosa formación con actividades varias, como as actividades teatrais das que nalgunha ocasión falei (“O teatro en Fingoi”) e nas que se nos formaba en expresión oral e código xestual, en vocalización e entoación… En suma, na competencia lingüística e literaria de que fala tanto nos epistolarios (con R. Piñeiro e F. Fernández del Riego) como nas entrevistas de Carme Blanco, Salinas Portugal, Fernán-Vello/Pillado Mayor ou “J. Loureiro” (Reimunde Noreña).

Vexamos, como exemplo, esa correspondencia  de  Carballo e Piñeiro do Epistolario publicado nos Cadernos Ramón  Piñeiro  (XXXIII)  pola  Xunta  de Galicia. Carballo escribe (2 de maio de 1965): “Din  unha  lección  no  Curso  de Galego  que  ilustrei  con  recitados  dos meus  alumnos.  Agora queren  que  na clausura represente toda “Pimpinela”. E aquí  me  tes  loitando  cos  rapaces  [...] Todo isto me rouba tempo, pero agora a xente fala do Grupo de Teatro de Fingoi, e  como  tal  cousa non  é  senón  catro rapaces  aos  que  teño  que  hipnotizar para  que  non  fiquen  demasiado  mal, véxome nun compromiso do que intento saír sen que todos fagamos o ridículo. Vou sacándome da manga, como un ilusionista,  poetas  e  actores  criados  en Fingoi; e a xente os aplaude. E parece que o merecen [...] Algo supón isto para o galeguismo, e aínda que a miúdo me arrepinto de me meter en tanto labirinto, e quizás valoro excesivamente a eficacia do que pode ser ilusorio ou efémero, non sei resistir a tentación dun traballo tan ousado, que me dá unha ledicia que non acho no meu traballo persoal”. E Ramón Piñeiro contéstalle (4 de maio de 1965): “[...] son cousas que merecen todo o tempo que se lles consagre. Entre a posta de “Pimpinela” e un retraso de un mes na aparición da Gramática, coido preferible o retraso da Gramática”.

Pimpinela

“Pimpinela”, polo Grupo de Teatro de Fingoi.

Están referíndose ao retraso que as actividades teatrais e dramáticas, extraesco-lares, provocan na publicación da ben coñecida “Gramática do Galego Común”, na que xa Don Ricardo traballaba daquela, manual que é case colofón do labor investigador daqueles anos de Fingoi, delimitando este período lugués coa súa primeira edición, que coincide á vez coa publicación do “Breviario Antológico”: ano 1966 (precisamente ese curso 1965/66 será o primeiro no que Don Ricardo se incorpora á docencia na Univer-sidade de Santiago de Compostela e gaña a praza de adxunto para o Instituto Rosalía de Castro da mesma cidade).

Calquera estudo ou ensaio bio-bibliográfico que asuma a produción investigadora de Carballo deste período lugués vai sorprendernos, revelando un amplísimo corpus filolóxico de extraordinario valor, constituído por publicacións e edicións textuais (iné-ditos e dispersos de Pondal ou os “Contos Populares”, ambos baixo patrocinio de Centro de Estudos Fingoi, por exemplo, ou o seu discurso de ingreso na RAG sobre Rosalía ou a edición de “Cantares Gallegos” para Cátedra, entre outros); e á par, varia-dos ensaios críticos e académicos que publicará en revistas e xornais (Galicia, Vida Gallega, Destino, Papeles de Son Armadáns, Grial, Cuadernos de Estudios Gallegos, Boletín da RAG, La Noche, Faro de Vigo, etc., hoxe de doada localización por estaren dixitalizados), e estudos e recensións que serán logo recompilados en volumes varios, ben coñecidos por aqueles que, como no meu caso, cursaríamos “baixo a súa férula” (que diría o profesor) distintas materias de Filoloxía, no meu caso, nas licenciaturas de Románicas de Español e de Galego-Portugués, aparte xa dos cursos de doutoramento previos á redacción da miña tese que, dirixida por Carballo, lin en 1976.

De revisarmos as datas de edición e publicación, vemos que os estudos crítico-lite-rarios de Don Ricardo que coñecemos revelan unha constante ao longo de toda a súa vida, xa desde os primeiros anos de xuventude, época na que alternaron con outros varios de diferente orientación, en boa parte pola súa formación e licenciatura en Dereito (rematada en 1931) e pola actividade política desenvolvida nos anos previos ao 1936. Como home de Letras (licénciase en 1935 con Premio Extraordinario), Carballo era un extraordinario lector e preciso, minucioso e moi exixente analista e crítico lite-rario. Porén, o que aos coñecedores da súa obra ensaística non deixa de sorprende é o seu grande esforzo dedicado á “Historia da Literatura Galega”, publicada como pri-meiro tomo en 1963, nos anos de Fingoi nos que, á vez, traballará no segundo tomo. Velaí unha obra monumental, de tres edicións, na que, con estudos varios, conflúen a súa tese de doutoramento (lida, con Premio Extraordinario, en 1954), e as edicións tanto desta tese (“Aportaciones a la literatura gallega contemporánea”) como do volume “Sete poetas galegos” editado por Galaxia ao tempo.

É o ano 1955. Estes últimos estudos, preámbulo como vimos de anotar da “Historia da Literatura Galega Contemporánea”, retrotráennos tamén aos anos de Fingoi e ás xuntanzas cos amigos lugueses, que conformaron un importante grupo de homes de Galaxia, conselleiros, accionistas ou colaboradores, tanto da editorial fundada en 1950, como, logo, da Fundación Penzol (Antonio Fernández, Álvaro Gil, Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega, Luís Pimentel, Antón Figueroa, Emilio Gil…); e, en canto á Historia, cómpre recordar de novo a Ramón Piñeiro e aos paseos e parrafadas polas fermosas carballeiras de Fingoi que daquela (hoxe poucas quedan) circundaban o Colexio no cal tiña tamén a vivenda o seu director, quen, así, apenas saía da contorna.

Nun daqueles paseos fingoiáns concertan a edición da “Historia”. Carballo acepta a proposta de Piñeiro: Galaxia, da que ambos forman parte, apoiaría o traballo de pes-cuda textual e achegaría a documentación precisa, de difícil localización e moi dificultosa consulta naquel tempo carente de medios tecnolóxicos, os medios que hoxe a calquera investigador facilitan o traballo.

Araceli Herrero

Araceli Herrero Figueroa lendo o seu poema galardoado nos Premios Minerva de Compostela.

Eran, pois, os anos de Fingoi, tempos extremadamente complicados para a localización e reprodución de textos, concretamente dos decimonónicos (a “Historia” partiría dos textos en galego dos anos da Invasión Francesa, 1808); dificultade de consulta que Carballo soubo e puido solventar, por exemplo, con amizades varias aparte xa de Del Riego (Galaxia), quen, mesmo, actuou de mecanógrafo. Houbo tamén o apoio de fami-liares, en especial María Ignacia, a súa muller, a quen remite, como o propio Carballo precisa, a colaboración na confección dos índices desa primeira edición de 1963. Porén, como xa adiantamos, compartindo o pouco tempo que a amplísima xornada colexial deixaba para a organización, disposición, elaboración e redacción da Historia, compe-tindo con ese esforzo inmenso, había outras iniciativas editoras, actividades varias de proxección cultural galeguista (o que sempre dixo Don Ricardo que fora, que era, e que seguiría sendo até o final do seus días), conferencias e mesas redondas, partici-pación en organización de actos e actividades culturais varias como recepción de membros da RAG, congresos, cursos, entrevistas, etc., dos que dan boa proba e noticia xornais como “El Progreso” e outros que hoxe podemos consultar dixitalizados.

Recapitulando, pois, a “Historia da Literatura” que centra a evocación do noso vello profesor revela, á par da súa grande capacidade de traballo, disciplina e sacrificio, o seu xeneroso, esforzado e moi meritorio labor de entrega a Galiza. O seu foi un moi meritorio traballo de estudo crítico, e á vez coidadoso labor de delimitación do que debe entenderse por Literatura Galega (só a escrita en galego), concreción do que cer-tamente pode considerarse arte literaria, Literatura, así, con maiúscula, Literatura Galega á par de outras literaturas hispánicas e europeas, que ben coñecía, por certo.

Festa colexial

 

Festa colexial en 1964: Asunción Fernández (“Siña”), Mª Carmen Buceta, Araceli Herrero, Conchi Correa e Mª Carmen Herrero (“Macali”).

Coa “Historia” estamos así perante a elaboración dun canon literario merecida-mente galego, galego de seu, un censo e rexistro de escritores e obras que, desexaba Carballo, mostrasen que a nosa lingua non era o “patois” ao que quererían reducila as autoridades do Réxime, nin a nosa literatura se limitaba a catro escritos singulares nunha lingua ágrafa, afastada do ensino, ameazada pola dispersión dialectolóxica, limitada ao contexto familiar e reducida ao meramente coloquial. Velaí o canon litera-rio galego configurado e defendido por Carballo a partir dos seus estudos crítico-literarios, desde o seu traballo filolóxico.

Quede constancia do grande mérito daquel tan destacado profesor que, desde Fingoi, foi capaz de transcender das limita-cións que lle impoñía a dureza daquela época, aqueles tempos e aquel noso Lugo, esta cidade que don Ricardo amou e hoxe recoñece nel un dos maiores valores do século XX lugués.

El Progreso

Recital de poesía galega no Círculo das Artes coa participación de Araceli Herrero, Carmen Fernández (“Camolas”) e Bárez, xunto con Celso Emilio Ferreiro e Arcadio López Casanova.