“Coppi”, rata, peladillo. Así era como chamabamos a Carballo Calero, o noso profesor de literatura e director do Colexio Fingoi, mixto daquela, liberal, galeguista no posible e laico na medida do permitido.
“Coppi”, en homenaxe ó ciclista italiano Fausto Coppi, porque usaba unha bicicleta para subir a Lugo, xa que o colexio estaba fóra do casco urbano da capital e se accedía por un camiño de terra entre dous preciosos valados de laxas moi feitos. “Peladillo”, pola súa calva total. E “rata” porque camiñaba en silencio sobre uns zapatos de sola de goma elástica que non facían ruído algún, sixilosamente axexando ós alumnos para poder pillalos en falta... e mandalos ó estudo sen recreo.
A visión, ata este intre, é a normal que ten un neno de 13 anos do director do seu colexio.
Falaba castelán porque non quedaba outra daquela, pero os textos en galego nas representacións de Nadal e fin de ano, as panxoliñas ou o folclore en galego, estiveron presentes ó longo da nosa estancia no colexio, nos cursos nos que dirixiu Don Ricardo.
Profesor chapado á antiga, tiña claro que a letra con sangue entraba. Na clase de terceiro de bacharelato, 13 anos meus e derradeiro curso onde me deu Lingua Española (non había outra), colleu un lapis e preguntou á primeira da clase, Araceli: “¿Qué es un percutor?”. A boa da rapaza puxo cara de estar entre figos e brevas; dando un golpiño na mesa co lapis foi facendo a mesma pregunta a todos os ilustres membros da clase que puxemos a mesma expresión de sabedoría que Araceli. Cando rematou con nós deu dous ou tres golpiños máis na mesa e díxonos: “Percutor es todo aquel objeto que tiene capacidad de golpear, de percutir. Todos están castigados sin recreo”. Ninguén esqueceu o significado de “percutor” nin de “percutir”.
A pesar de estar practicamente prohibido o uso do galego no ensino, aproveitaba toda ocasión para introducir verbas en galego, aínda que ó seu xeito, e notándoselle moito as simpatías ou antipatías que profesaba ós alumnos. “¿Qué significado tienen sus apellidos?”, preguntounos un bo día do curso de terceiro.
Fomos pasando de un en un e foinos explicando con paciencia: “Fernández, hijo de Fernando; Ruiz hijo de Ruy; Pardo, un color que significa a una persona”. Cando chegou a min, a quen quería ben, disertou longamente sobre o segundo apelido: “Tei-jeiro, un lugar, un topónimo, Teixeiro, o bien un lugar donde proliferan los tejos, los árboles conocidos como teixos ou teixugos, o bien un lugar donde habitan los tejones, teixos ou porcos teixos. Está bien, siéntese”.
Tras de min viña José Ramón, non era santo da súa devoción, con aquelas gafas que lle daban aire de despistado e o incipiente bozo que o facía maior do que era: “Varela, ¿ qué quiere decir Varela?”. A etimoloxía das verbas, como ós demais do curso, quedáballe a José Ramón á mesma distancia que os coñecementos de astrofísica. A súa cara de terror foi manifesta: “Varilla, usted tenía que apellidarse Varilla”, exclamou nun acceso de ira Don Ricardo, treméndolle as mans dirixidas ó noso compañeiro: “Sin recreo”. Aquel día zafamos todos excepto José Ramón, vítima propiciatoria diaria de Don Ricardo.
Eu sabía que lle caía ben, coma as irmás Herrero, as súas musas e pupilas avan-taxadas, porque as iniciara no nobre arte da poesía. O meu viña de familia, meu pai atendera nalgunha ocasión á súa dona, e admiraba á miña mai polo fermosa que era. Eu era dun natural falador, e como Don Ricardo comía connosco no comedor e había que darlle conversa, as nosas disertacións xantando eran longas nun falar por falar, que estou seguro que non tería sentido ningún pero que a el lle facía pasar o rato.
Comía pan tostado, dúas ou tres rebandas, porque padecía do estómago, e o noso deus era mangarlle unha antes de que chegase, e que el tivese que facer que non se daba conta para non montar lea, ou que rifase coas cociñeiras que miraban ós com-poñentes da mesa con cara de odio. Normalmente, por prudencia, os da mesa non eramos responsables de tan ousado furto.
No comedor non tiñas que baixar a garda, se subías os cóbados para cortar a carne (eramos pequenos e entre a forza que tiñas que facer e a altura das mesas o labor era imposible para algúns) chegaba “o rata” por tras e metíache dous servilleteiros nos sobacos; como che caese algún deles xa sabías o destino: “Sen recreo despois de xantar”. Algún durmiu a sesta no estudo todos os días do ano.
Non era unha mala persoa nin un mal profesor, era un home fóra de lugar e fóra de época. Na visión actual dos feitos hai que entendelo: represaliado pola súa gale-guidade, refuxiado nun colexio que o protexía, pero no que a mesma protección o obrigaba a unha disciplina na que tiña que afastar as súas ideas e conviccións, a vida académica non debía ser de moita gratificación para el.
Un día entrou no estudo coma sempre en silencio, mensaxeiro dunha ameaza implí-cita: se volves a cabeza para ver quen entra, estás castigado ó día seguinte sen recreo. Esta lección aprendiámola todos ó terceiro ou cuarto erro, como moito. Os que non a aprendían eran considerados parvos. Camiñaba Don Ricardo arredor de nós nun silencio sepulcral no que nos afanabamos en demostrar un interese extremo polo estudo, cando o aire abriu unha das bufardas superiores das ventás que abrían cara abaixo e tiñan unha cadea que as soportaba parcialmente abertas para ventilar aquel recinto ateigado de nenos e adolescentes. A cadea estaba rota e o pasador da bufarda gol-peou violentamente na calva de Don Ricardo. O impacto foi brutal, e o home, aparvado polo golpe, camiñou ata unha cadeira onde a coidadora do estudio, a señorita Paz, tra-taba de atendelo. Cando foi capaz de articular palabra só dixo apertando os dentes: “Grazas que me caeu a min e non a un distes nenos criados entre algodóns”. E erguéndose o máis que puido saíu do estudo con toda a dignidade da que era quen de demostrar. Luciu un tremendo croque no alto da calva que os nenos observamos na súa evolución multicolor ó longo de dous ou tres meses que durou o inverno.
Un refacho de aire estivo a punto de segar a carreira do primeiro catedrático de galego da Universidade de Santiago de Compostela no ano 1966.
Festa do Nadal, 1966.