Orgulloso e teimoso, Carballo Calero

Os meus recordos de Carbalho Calero como profesor son de cando eu era cativo, no antigo primeiro de bacharelato, mais a súas influencias penso que seguen efectivas en min a día de hoxe. Profesor de gramática castelá, tan preciso nas súas esixencias gramaticais como o era con todas as cousas.

Corrían os anos sesenta, un impensable colexio mixto na ditadura, un pequeno oasis, nun lugar lonxano, permitido por condicionantes difíciles de explicar. Unha forma de ensinanza que aínda hoxe é actual, clases sen libros de texto, sen exames, manter atención constante posto que calquer tema serviría para unha pregunta que nos obrigaría a algún razoamento. El, orgulloso e teimoso na súa forma e contidos da ensinanza.

Como director do colexio (formalmente estaba represaliado, e non o podía ser) tamén esixente, impoñía a disciplina só coa súa presenza; e podería parecer ríxido, mais co tempo interpreteino como ensinanza para respectar aos demais.

Realmente estou moi ledo polo recoñecemento que ten este ano. Tiveron que pensalo moito, precisamente pola súa forma de defender o que pensaba, o seu auxilio teimudo a un galego que se perde.