Soñaba onte coa educación que desexaba para os meus netos, e ante min ían aparecendo aquelas condicións ideais que deberían ser cumpridas.
Unha escola mixta, apolítica, aconfesional, na que o alumno fose adquirindo unha formación que o preparase para un mundo igualitario, onde todos fósemos iguais, onde ninguén fose mellor ca ninguén.
As aulas non serían un lugar onde se limitasen a dar e tomar as materias, senón un lugar para “ensinar e aprender a buscar, reflexionar, a resolver, a compoñer sempre persoalmente”.
Non existirían libros de texto e o alumno compoñería os seus propios apuntamentos coas explicacións do mestre e a súa propia investigación en libros e outras fontes. Aprendería a amar a lectura coa visita habitual a bibliotecas, e sairía das aulas para entender e gozar da nosa contorna, da natureza, fonte inesgotable de información.
Mediante a relación directa coa terra e o campo aprenderían o cultivo e elaboración de produtos sans, que logo axudarían a transformar nunha alimentación sa, sustentable e equilibrada.
Coñecerían a nosa contorna, o noso pobo, o noso país, mediante excursións periódicas que ensinarían a valorar a nosa lingua e as dos nosos veciños, as súas culturas, as súas diferentes idiosincrasias, para así darse conta de que ninguén é mellor que ninguén nunca.
O gusto pola música, a danza, a pintura, o teatro, mediante unha participación directa, unido ao coñecemento e desenvolvemento de novas tecnoloxías, prepararía aos mozos para entrar no mundo real.
Aprender de modo natural que existen diferentes idiomas para entenderse cos demais, empezando polas nosas linguas, galega e castelá, pero completándose con idiomas doutros países, axudaría a formar cidadáns do mundo.
Seguín soñando con mil e unha ideas cando de súpeto espertei e sorprendido deime conta de que todo o soñado xa existía: Chámase Colexio Fingoi, e Ricardo Carvalho Calero, á fronte dun exquisito cadro de mestres, fíxoo posible.
Carmen Fernandez (“Camolas”), Manuel Sández, Carballo Calero, Araceli Herrero e Antonia Fernández Puentes.
O que máis me sorprendeu é que estaba a ver un centro educativo de Lugo, e que corrían os anos 50 do século XX nunha España escura e difícil, e non nos albores da terceira década do século XXI.