É unha gran satisfacción que se dedique o Día das Letras Galegas 2020 á figura de Don Ricardo Carvalho Calero, acontecemento que permitirá ao fin o recoñecemento público da súa traxectoria intelectual e do seu firme compromiso con Galicia, no seu aprecio e defensa da lingua galega ao longo da súa vida, mesmo en épocas comple-xas e moi diferentes ás actuais. Ademais daranos a oportunidade de profundar na súa obra literaria e distinguir a súa indubidable contribución no crecemento e enriquece-mento do noso Patrimonio cultural.
Os meus recordos están vinculados ao Colexio Fingoi, de Lugo, onde estudei ata o inicio da miña carreira universitaria en Santiago de Compostela.
O Colexio Fingoi, creado por Antonio Fernández nos anos 50, perseguía un sistema educativo novo e vangardista influído polas formulacións da Institución Libre de Ensino.
É aquí onde Carvalho Calero non só imparte clase de lingua e literatura, senón que exerce como Director do Colexio durante case 15 anos. Coincidín con el nos anos da miña nenez. E os meus recordos, aínda que escasos, son claros e intensos, reflexo do seu enorme carisma.
Don Ricardo deixou o Colexio en 1965 para iniciar a súa andaina no mundo univer-sitario de Santiago de Compostela, cando eu aínda non iniciara o Bacharelato, pero como alumnos, a pesar da nosa idade, si tivemos algunha clase preparatoria previa ao chamado exame de Ingreso, froito do seu compromiso co programa educativo que recibiamos.
Tiña unha gran personalidade. Era serio, recto, intelectual nas súas expresións, parco en palabras, ás veces moi calado e silencioso. Impoñía respecto e apreciaba a boa educación e a corrección. Con todo, a pesar da súa autoridade, podía ser moi agra-dable e próximo ao manter unha conversación, por moi pequena que esta fose, tratando calquera tema, fose cotián ou excepcional.
Posuía vivenda no espazo arquitectónico do Colexio Fingoi, o que lle permitía supervisar continuamente o ritmo diario de todo o que alí acontecía. A lingua e a cul-tura galega estaban presentes no ámbito educativo do propio Colexio dunha forma directa ou indirecta, sobre todo nas súas actividades, destacando o teatro, a poesía, as cancións e os bailes e tradicións populares galegas. O Colexio, baixo as súas directri-ces, participou en distintos certames literarios e teatrais da época.
As alumnas que gozaron da súa docencia adóitano lembrar con grande aprecio. Teño exemplos claros e palpables no meu ámbito familiar. Dúas tías miñas (Marisol e Maricruz Truque Fernández), estudantes do Colexio Fingoi, foron as súas alumnas durante todo o bacharelato de entón. Ambas gardan gratísimos recordos e un gran respecto e agarimo cara á súa persoa, e así mo transmitiron: non só polo excelente trato que Don Ricardo mantiña nas súas clases entre profesor e alumno, a pesar da súa seriedade, senón pola creatividade e o interese das súas clases de lingua e lite-ratura onde prevalecía, xa entón, o diálogo e o fomento da poesía, a escritura e o teatro.
A profesora de infantil Chicha Fernández Crespo era a responsable do grupo de baile folclórico que actuaba nas festas colexiais de Fingoi.
O propio sistema educativo do Centro implicaba que algunhas veces os profesores e o director xantasen no propio comedor do colexio, e na mesa onde comiamos xunto a outras/os compañeiras/os. Cando isto sucedía, a súa conversación era parca en pala-bras pero ás veces resultaba atractiva. Un día coincidiu Don Ricardo na nosa mesa de comedor e preguntounos ás tres alumnas que compartiamos a mesma polo noso inte-rese pola lectura e a literatura infantil e xuvenil. Entre as distintas preguntas que nos expuxo, unha era quen nos gustaba máis, Alicia no País das Marabillas ou o conto de Peter Pan. Eu díxenlle que este último, e a partir de entón, moitísimas veces, dirixíase á min chamándome por ese apelativo
Pasados os anos, cando estaba a realizar os meus estudos universitarios na Facul-tade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, atopeime con Don Ricardo Carvalho Calero saíndo da Biblioteca da devandita Facultade. Para a miña sorpresa chamoume a viva voz. Pero non só polo meu nome e apelidos, que lembraba perfectamente, senón, o que é mellor, polo meu “apelativo”. Foi moi amable e interesouse polos meus estudos. Unha vez máis a súa conversación foi curta pero profunda, recalcoume a importancia de coñecer a Historia pasada para comprender e analizar o noso presente, e convidoume a acudir a algunha das súas clases de lingua e literatura galega na Facultade de Filoloxía. O seu aspecto era o de sempre, pero riseiro e alegre. Persoalmente alegreime moitísimo daquel encontro, que me produciu certa emoción. Eran os anos finais da década dos 70, pasaran máis de dez anos desde a súa marcha de Lugo. Ao fin chegara o seu recoñecemento académico.
Afortunadamente, agora, uns cantos anos despois, chega o seu recoñecemento como figura indiscutible das Letras Galegas… xa era hora.