Tres lustros lucenses

Non deixa de ser singular o feito de que a Real Academia Galega veña de dedicar dous anos seguidos o Día das Letras Galegas a dous profesores e escritores que coincidiron na cidade de Lugo nas décadas centrais do século pasado e que en ambos casos chegaron á cidade tras ter soportado durante anos os rigores das sancións franquistas. O ano 2019 foi o ano Antonio Fraguas, un docente e historiador que foi profesor do Instituto Masculino entre 1950 e 1959, e o ano 2020 é o ano Ricardo Carballo, outro docente e lingüista que desenvolvería entre 1950 e 1965 o seu labor no Colexio Fingoi, un centro que abría un novo espazo para o ensino privado dentro da cidade. Para os dous ilustres polígrafos Lugo foi, polo tanto, unha cidade de acollida na que se integraron como intelectuais significados, na que desenvolveron diversas actividades culturais e na que despregaron unha moi importante obra escrita e investigadora. Ademais, os dous intelectuais galegos foron amigos e decididos partidarios de defender os trazos de identidade de Galicia.

O Colexio Fingoi nos anos 60

O Colexio Fingoi nos anos sesenta.

Nesta ocasión o noso obxectivo será comentar a tarefa que levou adiante Ricardo Carballo Calero nos tres lustros que permaneceu en Lugo, centrándonos primeiro nas actividades que realizou como orador no marco do principal centro cultural da cidade, o Círculo das Artes, e comentando logo as súas colaboracións coas dúas publicacións periódicas lucenses máis importantes por eses anos: o “Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo” (BCPMHAL) e a revistaVida Gallega. Evidentemente, non pretendemos nesta visión bibliolóxica ser exhaustivos sobre todos os escritos que Carballo Calero modelou durante a súa estadía lucense (seguramente unha das etapas máis produtivas da súa vida literaria), xa que noutros estudosos da súa figura e no mesmo autor pódese ampliar esta información; o que aquí se pretende é reflectir a relación que tivo co principal centro cultural da cidade e coas dúas publicacións periódicas que nese momento podían considerarse lucenses.

En todo caso, polas mesmas declaracións de Carballo, recordadas polo seu biógrafo Ramón Reimunde, o vínculo do escritor con Lugo foi prolongado e intenso, excedendo o marco cronolóxico dos quince anos que permaneceu na cidade. Foi nela onde estudou e traballou, na que casou coa lucense Ignacia Ramos, na que se desenvolveu a infancia e xuventude das súas fillas e na que conserva aínda descendencia, polo tanto non resulta esaxerado afirmar que Lugo foi un marco urbano moi importante na súa vida pese a que nalgún momento puidese cualificarse como un lugar de “exilio interno”.

Un espazo de relación social: O Círculo das Artes

A relación de Ricardo Carballo Calero coa cidade de Lugo foi moi directa nos tres lustros transcorridos entre 1950 e 1965, anos nos que o mecenas Antonio Fernández López lle encomendou a xestión do Colexio Fingoi, un centro educativo que abría as súas portas coa intención de desenvolver un estilo docente innovador e progresista. Sería unha etapa da súa vida na que estableceu a residencia no propio Colexio e uns anos nos que estivo vinculado á actividade cultural lucense, boa parte da cal nos anos cincuenta e sesenta tiña como escenario os salóns do Círculo das Artes, unha Sociedade que por entón empezaba a recuperarse do ostracismo que marcaran os anos da fame e que impulsaba un ritmo cultural fortalecido cos actos da celebración do seu centenario no ano 1955. En tal ocasión a institución cultural e artística por excelencia da cidade de Lugo multiplicaba as súas actividades mesmo dándolles un matiz de identidade a través do que se pretendía propiciar o coñecemento e a difusión dos trazos da singularidade galega e, polo tanto, resulta lóxico pensar que desde tal perspectiva tivese que contar coas achegas dun experimentado intelectual como era Ricardo Carballo Calero a quen tiña ben preto e que ademais se incorporaría como socio do Círculo no ano 1960.

Ricardo Carballo Calero, nos seus tempos de Fingoi.

Ricardo Carballo Calero, nos seus tempos de Fingoi.

A primeira noticia que coñecemos sobre as intervencións do erudito profesor nas actividades do Círculo das Artes a rexistra unha acta da Xunta Directiva do 9 de maio de 1952, cando o docente e escritor apenas levaba dous anos de estancia na cidade. Nesa data Carballo Calero ofreceu unha conferencia co título de Verso y prosa en Rosalía, un contido que non resulta sorprendente se consideramos que por estes anos o autor estaba a traballar con entusiasmo sobre a figura e a obra da ilustre poetisa galega, e publicaba estudos como os titulados Una línea poética: Rosalía, Rubén, Juan Ramón, aparecido no xornal compostelán La Noche de 18 de decembro de 1949 co pseudónimo de Fernando Cadaval, ou Arredor de Rosalía -na obra colectiva “Ensayos sobre Rosalía”-, publicada pola editorial Galaxia en 1952. De feito, o seu interese pola escritora galega non decaeu co tempo e, como resultado das investigacións que durante os seus anos lucenses fixo sobre o personaxe, aparecerían outras achegas como a de Referencias a Rosalía en cartas de sus contemporáneos”(Cuadernos de Estudios Gallegos, nº 56, 1954), Rosalía y otros (C.E.G., XXXVII, 1957), Visión de la vida en la lírica de Rosalía de Castro (C.E.G. XL, 1958), Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía (Lugo, Celta, 1959) ou Rosalía en Italia. Un texto crítico de 1885 (C.E.G. Tomo 14, 1959), ata chegar unha década despois ao traballo Rosalía en Lugo, (Faro de Vigo, 03-09-1962), asinado outra vez co pseudónimo de Fernando Cadaval.

Xunto con estes eruditos estudos hai que mencionar a edición, introdución e notas de Cantares Gallegos (Anaya, 1963), que sería precisamente o título da conferencia que debería impartir o día 17 de decembro de 1963 nos actos de clausura do aniversario da obra de Rosalía que promovía a sociedade lucense, e que por unha indisposición persoal de Carballo Calero quedaría aprazada. A admiración rosaliana tamén levaría ao noso autor a dedicar á poetisa galega o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, que se produciría simbolicamente o 17 de maio de 1958 no ecuador da súa estancia en Lugo, disertación que titularía “Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía”.

Como intelectual ben recoñecido dentro da cidade o Círculo das Artes non dubidou en integralo, a principios de outono de 1963, na comisión que habería de organizar un homenaxe con motivo do Centenario de Cantares Gallegos, que o profesor xa celebrara pola súa conta pouco antes coa publicación do primeiro tomo da súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, no que dedicaba un capítulo enteiro á ilustre poetisa. Na comisión organizada polo Círculo para celebrar os cen anos da publicación daquela obra de Rosalía que abrira un novo camiño literario para Galicia figuraban, xunto a Ricardo Carballo Calero, outros destacados persoeiros como Celestino Fernández de la Vega, Xesús Alonso Montero, Emilio Gil Varela, Epifanio Ramos de Castro e Amable Veiga Arias, todos eles activos cultivadores das letras no Lugo da época.

Con esas colaboracións pretendíase levar adiante a efeméride a través dunha mostra de Literatura Galega na que se aproveitarían as experiencias doutras feitas anteriormente pola Sociedade, e máis en concreto a que supuxera a organizada en abril de 1945 por Julio Francisco Ogando Vázquez e Francisco Vázquez Saco, que tivo como corolario a publicación do catálogo da Primera Exposición del Libro Lucense.

Como consecuencia da evocadora iniciativa do Círculo das Artes o 28 de outono de 1963 quedou constituída unha comisión organizadora da Exposición de Literatura Galega en honor de Rosalía de Castro, comisión que presidía o presidente da Sociedade Ramón Varela Méndez, e na que figuraban como vogais Xesús Alonso Montero, Ricardo Carballo Calero, Salvador Castro Gallego, Celestino Fernández de la Vega, Antonio Fernández López, Mercedes Freire Carralbal, Antonio García Conde, Emilio Gil Varela, Ángel Juan González López (Ánxel Johán), José Mouriz Rodríguez, Epifanio Ramos de Castro, José Trapero Pardo, Abel Vázquez García, Manuel Vázquez Seijas e Amable Veiga Arias, é dicir, toda unha representación do mundo cultural e literario do Lugo deses momentos. A comisión executiva, que levaría a principal responsabilidade do evento, constituíana os catedráticos dos Institutos Masculino e Feminino Xesús Alonso Montero e Epifanio Ramos de Castro, que se encargarían de impulsar de inmediato toda a organización.

A mostra, que se concretou co título de Cen anos de Literatura Galega, sería inaugurada o día 9 de decembro nun solemne acto ao que se invitaba ás autoridades e a representacións de toda Galicia, e o acontecemento completaríase o día 11 cun recital sobre Rosalía de Castro por parte de alumnos dos centros educativos lucenses, e con outros actos que tiveron como protagonistas aos poetas Celso Emilio Ferreiro e Arcadio López Casanova. No contexto das actividades programadas, a Ricardo Carballo Calero encomendóuselle unha conferencia co ben significativo título de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, charla que debería impartir o 17 de decembro; sen embargo, o diario El Progreso dese mesmo día informaba na súa páxina 3 do aprazamento da conferencia por indisposición do relator, sen indicar, de momento, unha nova data para a súa celebración, polo que, como os actos da conmemoración pecharíanse dous días despois cunha intervención do presidente da Real Academia Galega Sebastián Martínez Risco, cremos que a disertación de Carballo Calero non chegou a celebrarse. Esta puntual ausencia non impide a Ramón Reimunde considerar o ano 1963 como o da “alternativa” de Carballo Calero, o que pode admitirse no sentido de que á publicación da súa Historia da Literatura Galega Contemporánea uníase a súa participación nos Cen anos de Literatura Galega, evento que deu a coñecer a súa xa densa produción poética e ensaística (vid. Apéndice 1), e que polo tanto lle permitiu converterse, en certo modo, nun “intelectual público”.

Co seu traslado a Santiago de Compostela para exercer a docencia no Instituto Rosalía de Castro e na Universidade desa cidade tras obter a correspondente licenza para desenvolver o seu traballo como profesor de ensino público, Ricardo Carballo Calero non esquecería a Lugo nin á sociedade lucense coa que tiña colaborado. Deste xeito actuaría como mantedor o 21 de marzo de 1966 na Festa da Poesía, que se celebrou no Círculo das Artes para conmemorar a entrada da primavera, un acontecemento para o que se contou como recitadores cos poetas lucenses Arcadio López Casanova e Manuel María, e co coruñés Manuel Álvarez Torneiro. Na referencia que facía deste acto o xornal El Progreso de 22 de marzo advertíase que o mantedor fixera gala dos seus coñecementos literarios e da súa capacidade crítica, ao mesmo tempo que comentaba o sentido dun acto no que a palabra dos poetas non podía faltar para saudar á estación que se anunciaba, e aludía con erudición tanto á poesía vixente como á dos poetas falecidos. Referiuse dun xeito particular a Ramón Cabanillas, non só pola amizade persoal que tivera co cambadés, senón tamén por consideralo un poeta completo de quen recordou algúns dos principais aspectos da súa vida e da súa obra. Así mesmo, fixo unha análise paralela dos tres grandes poetas galegos clásicos, Rosalía, Curros e Pondal, deténdose en especial na temática dos dous primeiros. Tras ler uns poemas de Cabanillas dos que destacou o seu carácter narrativo, acedo e relixioso, rematou cun emocionado recordo para o poeta falecido sete anos antes.

Tamén participou Ricardo Carballo no II Curso de Verán que organizaba o Club Francés dependente do Círculo das Artes no ano 1968, e que foi clausurado cunha conferencia súa. Así mesmo participaría, xunto a outras personalidades das letras galegas como Xesús Alonso Montero, Bernardino Graña, Manuel María, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Ramón Piñeiro López, entre outros, no libro O porvir da lingua galega que decidiu publicar polas mesmas datas a sociedade lucense e no que asinou o artigo O Galego na Universidade .

Pasados algúns anos, e cando Carballo Calero xa ocupaba a cátedra de Lingua e Literatura Galega da Universidade compostelá, o Círculo das Artes organizou para o 11 de novembro de 1980 unha homenaxe ao seu socio de mérito Luís Vázquez Fernández Pimentel, un poeta moi ligado á cidade de Lugo e á súa Sociedade insignia, e con tal motivo invitou a Carballo Calero a falar sobre a vida e obra do ilustre poeta lucense a quen se lle dedicaría o Día das Letras Galegas de 1990, trinta anos antes precisamente de dedicárselle ao propio Carballo. A amizade persoal entre os dous escritores permitiulle a este último presentar un axeitado esbozo de Pimentel a quen cualificaba como “el poeta de Lugo”.

O porvir da lingua galega (1968).

O porvir da lingua galega (1968).

Co seu nomeamento como primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago, o profesor Carballo Calero centrou definitivamente o seu labor na cidade do Apóstolo, pero a directiva do Círculo das Artes que presidía por entón un convencido galeguista, Benxamín Casal, recordaba tamén ao profesor Ricardo Carballo, e na acta da Xunta Directiva do día 22 de xuño de 1981 tomou a decisión de felicitalo polo seu ingreso na Academia de Ciencias de Lisboa, un recoñe¬ce¬¬mento que tiña moito que ver coa postura lusista de Ricardo Carballo, xa que aquela institución exhibía como principal obxectivo a promoción e divulgación da cultura portuguesa. Un ano despois, no mes de abril e por iniciativa da mesma directiva, a Sociedade lucense decidía adherirse á homenaxe que se lle tributaría entre o 19 e 27 de maio por parte de diversas entidades culturais galegas con motivo da súa xubilación como docente, nun acto que recordaba a outra homenaxe recibida o 7 de marzo de 1972 en Lugo co motivo de ocupar a citada cátedra universitaria.

Apéndice 1: Obras de Carballo Calero no catálogo “Cen anos de Literatura Galega” (1963)

As referencias a Carballo Calero no Catálogo editado con motivo da conmemoración de Cantares Gallegos en 1963 son moi numerosas, incluíndo as asinadas co pseudónimo máis utilizado polo profesor, o de Fernando Cadaval. A través delas podemos comprobar que o labor literario do noso autor nos anos que permaneceu en Lugo dirixindo o Colexio Fingoi foi moi activo, sen esquecer que será precisamente por esta época cando conclúa e publique a primeira versión da obra pola que sería máis coñecido, a súa Historia da Literatura Galega Contemporánea.

Catálogo de “Cen anos de Literatura Galega” (1963).

Catálogo de “Cen anos de Literatura Galega” (1963).

Xunto a esa referencia, no mencionado Catálogo aparecen estas outras achegas por estrita orde cronolóxica:

  • Vieiros, A Cruña, Nós, 1931.
  • O silenzo axionllado, Santiago, Nós, 1934.
  • A xeneración de Risco, Nós, núm. 131-132, 1934.
  • Papel de Color. Ed. Álvaro Cunqueiro, Mondoñedo (Lugo), 1936. Con tarxetas con poemas, entre outros, de Carballo Calero.
  • Mensajes de Poesía, 1949, IV, contén Canción de R. Carballo Calero.
  • Galicia pol-o mundo, Radio Londres, 07-02-1949.
  • Co pseudónimo de Fernando Cadaval, Una línea poética: Rosalía, Rubén, Juan Ramón, Santiago, La Noche, 18-12-1949.
  • Poesías paralelas, Radio Londres, 13-11-1950. As comparacións son entre Amado-Iglesia e Manuel Antonio-Cunqueiro.
  • A xente da Barreira, Santiago, Bibliófilos Gallegos, 1951.
  • Presencia de Curros y de Doña Emilia, Grial nº 3, 1951. Contén o traballo de Carballo Calero Algo sobor da poesía de Curros.
  • Poemas pendurados de un cabelo, Lugo, Col. Xistral, 1952.
  • Arredor de Rosalía, en Ensayos sobre Rosalía, Vigo, Galaxia, 1952.
  • Referencias a Rosalía en cartas de sus contemporáneos, C.E.G. núm. 56, 1954.
  • Sete poetas, Vigo, Galaxia, 1955.
  • Aportaciones a la Literatura Gallega Contemporánea, Madrid, Gredos, 1955.
  • María Isabel Ramón Algarra: Ofrenda lírica á nena… no día da súa Primeira Comunión, Madrid, 29-05-1955, colabora Carballo con outros poetas.
  • Rosalía y otros, C.E.G. XXXVII, 1957.
  • Visión de la vida en la lírica de Rosalía de Castro, C.E.G. XL, 1958.
  • Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, Lugo, Imprenta Celta, 1959.
  • Rosalía en Italia, C.E.G. tomo 14,1959.
  • Un motivo común a Castelao y Flaubert, BCPMHAL, 1960.
  • Eduardo Pondal. Versos iñorados ou esquecidos. Reunidos, prologados e anotados por R. Carballo Calero, Vigo, Galaxia, Centro de Estudios Fingoy, 1961.
  • Salterio de Fingoy, Vigo, Galaxia, Col. Salnés, 1961.
  • Co pseudónimo de Fernando Cadaval, Rosalía en Lugo, El Faro de Vigo, 03-09-1962.
  • Historia da literatura Galega Contemporánea, Tomo I, Vigo, Galaxia, 1963.
  • Unha páxina literaria colectiva, El Progreso de 17 de maio de 1963, reproducía comentarios sobre a Historia da Literatura Galega de Carballo Calero.
  • Vieiros. Revista do Padroado da Cultura Galega de México, Nº 1: Ricardo Carballo Calero, Poesías paralelas.
  • Contos populares da Provincia de Lugo (Prólogo), Vigo, Galaxia, 1963.
  • Sobre una enemistad (Curros Enríquez e Pardo Bazán), El Faro de Vigo, 31-03-1963.
  • Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, Edición, introdución y notas de Carballo Calero, Salamanca-Madrid-Barcelona, Anaya, 1963.

Achegas ao “Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo”

Desde os primeiros momentos da súa estancia lucense, Carballo Calero non desaproveitou un importante vehículo bibliográfico que tiña a cidade neses momentos. Referímonos ao “Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo” (BCPMHAL) no que o noso autor publicaría diversos traballos entre os anos 1951 e 1963.

A súa primeira achega presentábaa co título de Datos y fuentes para una biografía de D. Augusto Ulloa, un personaxe ao que nesta mesma publicación dedicaría particular atención. Augusto Ulloa y Castañón foi un avogado e político nado en Santiago de Compostela en 1822 e falecido en Madrid en 1879, que comezou a súa carreira como deputado en 1854, para pasar logo a ocupar importantes cargos en Madrid, entre eles o Ministerio de Mariña en 1863 e o de Fomento en 1864. Durante o Sexenio Revolucionario, en 1871 sería nomeado Ministro de Gracia e Xustiza e en 1874 Ministro de Estado. O interese polo personaxe explícao o propio Ricardo Carballo a través dun recordo de xuventude, cando nos corredores da facultade de Dereito santiaguesa chamáralle a atención unha aclamación na que se recordaba a Ulloa. De aí derivou a súa atención cara a quen definía como o “político gallego de más temperamento” da segunda metade do século XIX. Para Carballo foi un político nato, realista e cauteloso, hábil orador e experto en cuestións económicas e sociais, un home que non chegou á presidencia do Consello de Ministros pola súa prematura morte. Manifestaba ademais que tivo a intención de dedicarlle unha biografía para o que procurou reunir datos e investigar fontes documentais que, aínda que non lle permitirían completar aquel obxectivo, si que servirían para dedicarlle outros dous traballos no BCPMHAL, un co título de Primeras armas parlamentarias de D. Augusto Ulloa en 1953 e outro en 1955 co epígrafe Don Augusto Ulloa, Diputado por Fonsagrada, en los Diarios de Sesiones del Congreso correspondientes a las Legislaturas de 1858-1859 y 1860-1861, ademais dos artigos asinados co pseudónimo de Fernando Cadaval que publicou no xornal compostelán La Noche durante o ano 1949: Tres fechas de una vida, De la vida escolar de Don Augusto Ulloa, e Ulloa y sus deudos en el espejo cóncavo, artigo este último no que recordaba que Augusto Ulloa figuraba como personaxe na novela de Ramón del Valle-Inclán Viva mi dueño.

Augusto Ulloa y Castañón. Gravado da Ilustración Española y Americana, 1874.

Augusto Ulloa y Castañón. Gravado da Ilustración Española y Americana, 1874.

Para facilitar o labor dun futuro biógrafo de Augusto Ulloa, Carballo non dubida en aportar no seu traballo de 1952 un abundante sumario bibliográfico e documental, sen descoidar mencionar os arquivos particulares utilizables e as referencias da prensa da época, todo o que resultaba de necesaria consulta para analizar en profundidade a figura do ilustre político. Remataba o seu artigo aludindo á posibilidade de que o segundo apelido de Ulloa fose o de García e non o de Castañón, recollendo textualmente a partida de nacemento do persoeiro segundo a que este nacería en Santiago o 28 de abril de 1822, aínda que Carballo o consideraba lugués de pleno dereito por atoparse nesta provincia o seu solar, o seu feudo electoral e a miúdo a súa residencia, unha condición de autóctono que o impulsaría a favorecela sempre.

No seu artigo de 1953 insistía Carballo nos comentarios sobre o político compostelán no traballo que encabezaba como Primeras armas parlamentarias de D. Augusto Ulloa. Aquí comezaba por recordar algúns aspectos biográficos, e en particular a finalización dos estudos de Dereito en Santiago e as colaboracións periodísticas dos seus anos mozos desde unhas posturas renovadoras que lle custarían un desterro a Lugo en 1854 por parte do goberno Sartorius. Precisamente este exilio permitiríalle reorganizar na provincia de Lugo ao partido progresista e colocarse á cabeza da xunta revolucionaria que no verán de 1854 puxo fin á Década Moderada. Co apoio do veterano político progresista José Ramón Becerra representaría a Lugo nas Cortes constituíntes amosando unha postura política cada vez máis centrista, que o impulsaría cara ás filas da Unión Liberal. O artigo completábase cunha análise minuciosa das actividades parlamentarias de Augusto Ulloa durante o Bienio Progresista, no que se recollían as incidencias das actas que o mencionaban, as licencias e os nomeamentos que gozou, logo as comisións nas que participou e por último os discursos que impartiu.

Continuación deste artigo era o seguinte que publicaba en 1955 co título Don Augusto Ulloa, Diputado por Fonsagrada, en los Diarios de Sesiones del Congreso correspondientes a las Legislaturas de 1858-1859 y 1860-1861, e que sería o derradeiro dedicado ao personaxe. Neste caso, Carballo Calero profunda no labor de Ulloa, primeiro como periodista da oposición entre 1856 e 1858 e logo no seu traballo como deputado por A Fonsagrada nun marco parlamentario que vai de decembro de 1858 a maio de 1861, rexistrando en consecuencia as súas intervencións, o seu traballo en comisións e os nomeamentos que se lle asignaban.

Tres traballos máis completan as colaboracións de Ricardo Carballo coa publicación lucense que dependía do Museo Provincial, un deles dentro dunha serie sobre Poetas lugueses, que dedicou a José Crecente Vega, outro titulado Un motivo común a Castelao y Flaubert. Retrato fantástico de un niño , e outro máis no que volvía a un tema para el recorrente, o rosaliano, no artigo titulado Benito Vicetto, crítico de Rosalía de Castro.

Xosé Ramón Crecente Vega.

Xosé Ramón Crecente Vega.

O estudo dedicado ao sacerdote, profesor e poeta natural de Castro de Rei Xosé Ramón Crecente Vega (1896-1948) comezaba por algunhas referencias biográficas, como as dos seus estudos no Seminario de Mondoñedo, a licenciatura universitaria, o acceso á docencia como profesor interino tras a Guerra Civil e o logro da cátedra de Latín que desde 1942 desempeñaría no Instituto de Segovia, do que sería director ata a súa morte. Destacaba logo a súa condición de gran latinista, competencia que se reflectía nun labor como poeta no que se combinaban os trazos populares da súa orixe rural e os filolóxicos como estudoso da lingua de Roma.

Para rematar a análise, Carballo analizaba a única obra poética de Crecente, Codeseira, publicada na súa segunda edición en Lugo con prólogo de José Trapero Pardo, e que saía á luz precisamente no ano 1965, no que Carballo Calero marchaba da capital. A obra de Crecente enmarcábase dentro dunha temática naturalista e campesiña emparentada coa do poeta mindoniense Antonio Noriega Varela e co abadinense Aquilino Iglesia Alvariño. Carballo destacaba tamén o dominio da métrica que posuía Crecente e a gran pureza do seu léxico, para recordar que o coñecera persoalmente, polo que podía destacar tamén as súas excelentes calidades persoais, e rematar cualificándoo como un poeta de transición entre dous séculos, o que o colocaba precisamente entre Noriega Varela e Iglesia Alvariño.

O traballo publicado en 1961 co título de Un motivo común a Castelao y Flaubert. Retrato fantástico de un niño mantén certa relación co capítulo que na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea dedicaba Carballo a Alfonso Rodríguez Castelao, outro persoeiro de particular atractivo para o noso autor. O asunto parte dun relato común aos dous escritores que figuraban no epígrafe. No relato de Flaubert recollido da súa novela L´educatión sentimentale, publicada en 1869 e traducida ao castelán en 1921, o tema tratado centrábase nun neno morto do que os pais queren conservar un retrato polo que requiren a un artista para facelo; este atopa dificultades para presentar unha faciana xa moi deteriorada e acaba ofrecendo un retrato fantástico e imaxinario do neno. No relato de Castelao O retrato, de 1922, repítese a mesma secuencia temática, o que podería facer pensar que o escritor galego coñecía a narración francesa e inspirouse nela. Con todo, ao comentar cun gran rigor crítico as dúas historias, Carballo atopa grandes diferenzas na posición adoptada por cada narrador. Para empezar o cronista flaubertiano é externo, mentres que no conto de Castelao este asume o relato en primeira persoa e mesmo o presenta como verídico, identificándose polo tanto plenamente coa narración. Por outra parte, no primeiro caso o neno está morto cando se fai o debuxo e no segundo aínda vivo, morrendo logo de facerlle o retrato; ademais, no caso da narración do escritor galego o pai do neno ten un papel fundamental xa que é el o que solicita o debuxo, critica o primeiro resultado por excesivamente realista e queda satisfeito co segundo asumindo así moito protagonismo; por fin, no caso do escritor francés o resultado do retrato é unha imaxe fantástica, si, pero dun “mamarracho repelente”, mentres que no segundo caso, o pai queda cunha efixie dun neno “moi bonito”. En conclusión, dentro dunha mesma temática os dous narradores chegan a conclusións ben distintas, e ante o frío naturalismo dun Flaubert que ofrece unha perspectiva pesimista da vida, Carballo opón o cálido humanismo de Castelao e a súa postura optimista desde o que envía “un mensaje de fe en la dignidad del hombre”.

Gustave Flaubert / Alfonso R. Castelao.

Gustave Flaubert / Alfonso R. Castelao.

No artigo publicado no BCPMHAL de 1963 co título de Benito Vicetto, crítico de Rosalía de Castro, Carballo insiste nun tema para el moi especial, o que facía referencia á poetisa galega por excelencia á que tiña dedicado múltiples traballos.

Neste caso tratábase de comentar as críticas vertidas polo historiador Benito Vicetto sobre Rosalía, centradas en dúas das súas obras, La Flor (1857) e Cantares Gallegos (1863). No primeiro caso, Vicetto respondía a un eloxioso comentario por parte de Manuel Murguía, marido de Rosalía, amosando a súa desconformidade coas apreciacións do esposo e manifestando entre outras cousas que a poetisa non seguía o modelo do poeta romántico Espronceda ao que se aludía. No caso da segunda emblemática obra rosaliana, Vicetto era aínda un censor máis agresivo, aludindo á falta de dotes poéticas da escritora e indicando que na súa obra había máis “artificio que inspiración”.

Evidentemente, Carballo non está de acordo coas opinións do historiador, que cualifica de mesquiñas e inxuriosas, en oposición ás palabras xustas e dignas que lle dedicaba Murguía con quen por aquel tempo xa Vicetto estaba enfrontado. Por iso, Carballo consideraba que o valor das críticas era nulo e que o ton virulento que empregaba o censor lle restaba toda autoridade.

Benito Vicetto / Rosalía de Castro.

Benito Vicetto / Rosalía de Castro.

Para rematar, Carballo Calero xustificaba o título do seu artigo advertindo que se as opinións de Vicetto non servían para caracterizar a Rosalía, si que servían para caracterizar a Vicetto, unha figura que consideraba suxestiva pero proclive ao erro por irreflexión ou por apaixonamento.

Colaboracións ca revista Vida Gallega

Moito máis numerosas serían aínda as colaboracións de Ricardo Carballo Calero na revista Vida Gallega que, tras unha primeira etapa viguesa que se prolongara desde 1909 ata 1938 e que aquí non interesa, abría unha nova etapa en 1954 que se estendería ata 1963. Como o novo director, Xosé Iglesias Presa, trasladaba en 1956 a publicación á cidade de Lugo, os escritores lucenses terían, por simple proximidade, unha importante representación nas páxinas desta revista gráfica mensual de información xeral, e Carballo Calero (RCC) sería un dos máis asiduos colaboradores. De feito, publicou nela os 40 traballos que figuran no Apéndice 2, a maioría deles co pseudónimo de Fernando Cadaval (FC), aos que habería que engadir algunhas outras referencias á súa persoa asinadas por outros colaboradores da revista.

As colaboracións de Ricardo Carballo coa revista iniciaríanse en agosto de 1956, precisamente cando a súa administración se instalaba en Lugo. Así, no número correspondente ao mes de agosto aparecía o seu traballo O Fogar de Clara, publicado en galego e asinado sen pseudónimo.

Tratábase dun artigo de estilo azorinesco no que rememoraba a súa cidade natal, Ferrol, para comentar a conformación como urbe ilustrada, militar e mariñeira, e confrontar os seus recordos infantís nela coa situación da cidade no momento en que escribe, cando o tempo tiña transformado en profundidade a súa estrutura e ás súas xentes.

No número de outubro do mesmo ano insiste na súa condición de ferrolán, desde a perspectiva dun inquilino lucense, nun artigo titulado Un ferrolán en Lugo. Aquí o protagonista é un crego –o cóengo Manuel Fernández Varela– que a principios do século XIX observa a cidade das murallas e rememora os seus tempos ferroláns; logo recorre o antigo Lugo e escoita o son das numerosas campás da urbe clerical, para rematar o relato coa mención do retrato que Vicente López faría do cóengo que morrería vítima do cólera morbo en Madrid no ano 1834. Carballo remata deste xeito a memoria sobre un paisano que, como el mesmo, se asentara en Lugo e asumira cun apego non exento de nostalxia a súa estancia nesta cidade.

Manuel Fernández Varela. Cadro de Vicente López (1828).

Manuel Fernández Varela. Cadro de Vicente López (1828).

No mesmo ano de 1956, Ricardo Carballo asinaría outros tres artigos na revista co seu pseudónimo habitual de Fernando Cadaval, todos eles escritos en castelán. No primeiro, Plaza y poeta, facía alusión ao escritor lucense Aureliano José Pereira e á praza que a súa cidade lle dedicou; tamén recorda algunha obra súa como o poema Lonxe da terriña que fora musicalizado por Juan Montes, e non dubida en bautizalo como “poeta de Lugo” e en identificalo profundamente coa súa cidade de orixe, que o recordara o ano anterior no centenario do seu nacemento.

En Cavilaciones del señor Cunqueiro, Carballo alude ás súas relacións co escritor mindoniense a quen inclúe entre os máis populares de Galicia, aínda que non considera que as súas obras o fosen tanto, pola complexidade que encerraban para o lector, como a que amosaba en As crónicas do Sochantre; isto non impide un afervoado eloxio dunha narración que encerraba un interese creativo e literario indubidable.

Álvaro Cunqueiro, Fernández del Riego e Ricardo Carballo nos anos trinta.

Álvaro Cunqueiro, Fernández del Riego e Ricardo Carballo nos anos trinta.

No artigo Un artista local, Carballo lembra ao pintor lucense Arcadio Romero Boelle con ocasión do seu tráxico pasamento ocorrido en outono de 1956 nun accidente automobilístico. O título do artigo quedaba plenamente xustificado, xa que consideraba ao artista sobre todo un buscador de estampas luguesas, polo que a cidade de Lugo e os seus arredores foron os motivos máis acostumados da súa creación pictórica.

Cadros de Arcadio Romero Boelle sobre espazos lucenses.

Cadros de Arcadio Romero Boelle sobre espazos lucenses.

No ano 1957 as colaboracións de Carballo coa revista Vida Gallega serían particularmente intensas, contándose ata 14 dos seus escritos e 2 mencións á súa persoa e actividade. Comezarían cun deles que era contestación á publicación por parte da editorial Galaxia dun libro sobre Macías o Namorado, unha obra que os seus autores cualificaban como “poema escénico” e onde Carballo facía gala da súa formación literaria e dramática e do seu interese polo xénero teatral, que promovía entre os seus alumnos fingoianos, para rematar cualificando o libro como “un espectáculo para leer”.

No número correspondente ao mes de febreiro aparecía, no apartado de “Florilegio de poemas”, unha referencia ao noso autor acompañada dun retrato; no esbozo cualificábaselle como escritor, poeta e ensaísta e se incluían algunhas breves referencias biográficas e varias das súas obras en verso e prosa. No mesmo número, asinado como Fernando Cadaval, publicábase o seu traballo Gallegos ilustres, que encabezaba cuns versos de Eduardo Pondal nos que aludía a que un pobo necesita raíces e que as raíces estaban nos antepasados, polo que se debería facer un esforzo para coñecelos; por iso felicitábase pola aparición de dous libros co mesmo título de Galería de gallegos ilustres, un deles, publicado polo Centro Gallego de Bos Aires, do que era autor Teodosio Vesteiro Torres, un proteico vigués que se suicidaría en 1876 aos 28 anos exhibindo a súa romántica condición; esta obra incluía cinco apartados dedicados sucesivamente a guerreiros, poetas, mariños, príncipes e diplomáticos e artistas, e resultaba ser un estudo que Carballo consideraba superado. Máis breve era o segundo título, publicado en Vigo en 1956 e financiado polos Laboratorios Zeltia, pertencentes á mesma familia Fernández López que tutelara a Carballo Calero para a dirección do Colexio Fingoi. Para Carballo este traballo era un pouco máis xeneroso e significaba o labor dun autor anónimo que recollera o esbozo de 25 galegos significativos acompañados de gravados da época.

Coa mesma sinatura de Fernando Cadaval aparecía no nú¬mero seguinte da revista un traballo de índole lingüística titulado El “se” impersonal, que se iniciaba cunha afirmación demole-dora: “Las lenguas romances son montones de escombros”, para explicar logo que o seu carácter popular lles fixera a miúdo apartarse da lóxica da lingua latina clásica da que procedían. Centrábase no resto do seu comentario no pronome “se” impersoal, que dun sentido inicial reflexivo desviouse en varias direccións para utilizarse sen contención en todo tipo de expresións comúns.

Retrato de Ricardo Carballo Calero en Vida Gallega nº 719 (1957).

Retrato de Ricardo Carballo Calero en Vida Gallega nº 719 (1957).

No exemplar da revista correspondente ao mes de abril de 1957 as referencias a Carballo Calero eran tres. Unha delas correspondía á noticia, asinada por M.G.G. (¿Miguel González Garcés?), do seu nomeamento o 31 de marzo como membro da Real Academia Galega Carballo Calero, numerario de la R.A.G., evento que permitía recoñecelo como un dos escritores e poetas galegos de maior prestixio, destacando o dominio que tiña da lingua vernácula e as súas abundantes achegas tanto en galego como en castelán, sempre reflexivas e fundamentadas, aínda que naturalmente puidesen discutirse. Interesante en particular era a súa achega como poeta, na que se destacaban creacións como Vieiros, O silenzo axionllado, Anxo de terra e Poemas pendurados de un cabelo, que facían coñecido ao personaxe e ao seu pseudónimo Fernando Cadaval por toda España e América. Os seus variados temas -paisaxe, terra, árbore, arte ou historia- tiñan sempre contido galego. O redactor da loa agardaba neses momentos a aparición dunha nova obra, o Cancionero Fingoy, e se congratulaba da honra concedida a un estimado colaborador da revista.

Ricardo Carballo Calero asinaría neste mesmo número, un co seu propio nome e outro co seu habitual pseudónimo, outros dous traballos. No primeiro, Guirlanda da Primavera, destacaba a importancia da cultura e da poesía para a vida, iniciando logo un bucólico canto da estación do título e recordando o interese da lírica medieval galega, o que, á súa vez, lle permitía unha mención ao rei Afonso o Sabio e advertir que “o galego é fala de reises”. Tras o seu soterramento por séculos, a poesía galega renacería con forza no século XIX da man de Rosalía, de Pondal e de Curros, aos que sucederían Noriega Varela e Ramón Cabanillas e máis logo Blanco Amor, Euxenio Montes, Otero Espasandín, Ánxel Xohán e outros. En definitiva, o traballo servía para que o autor recordase algúns dos nomes sobranceiros da lírica vernácula, e que loxicamente entraban dentro das preferencias de Carballo Calero, como pode descubrirse a través doutros escritos, algúns deles citados nestas mesmas liñas.

Coa sinatura de Fernando Cadaval aparecía tamén o artigo Entre a vendima e a castiñeira, que dedicaba á figura de Ramón Otero Pedrayo, cuxa obra literaria define como mestura de imaxinación creadora e observación obxectiva, de elementos románticos e realistas. Na segunda parte do seu estudo, analiza a obra que daba título ao artigo, deténdose no sentido de cada un dos relatos e eloxiando ao patriarca das letras galegas polo seu mérito como forxador de caracteres, imparcial cronista da vida galega e cantor da natureza humana.

No traballo Inés de Castro vuelve a la escena, que asinaba co seu acostumado pseudónimo, centrábase na figura desta lendaria raíña portuguesa que tiña inspirado numerosos relatos e dramas, dedicando unha atención particular á obra La Reine morte do escritor francés Henry de Montherlant, que Cadaval considera como unha traxedia na que se comparaba a figura de Inés coa de Ifixenia e a do monarca Ferrante -Alfonso IV- coa de Agamenón, acudindo polo tanto a referencias moi clásicas.

Henry de Montherlant

Henry de Montherlant.

Como Fernando Cadaval volvía a asinar un artigo titulado Sombras, no que comentaba o tomo dedicado ao século XIX na Escolma de poesía galega publicada pola editorial Galaxia en 1957. O autor manifestaba ter recordos persoais dalgúns dos poetas seleccionados no libro, aos que dedica unha homenaxe sentimental, como sucede no caso de Xoán Vicente Viqueira con motivo do seu ingreso no bacharelato, de Aurelio Ribalta e Eladio Rodríguez González nos seus tempos de estudante en Santiago, de Álvarez Limeses nun acto público en Pontevedra, e de Manuel Lugrís e de Xosé Manuel Cabada Vázquez en diversos actos e ocasións.

No número do mes de xullo aparecía o artigo El tesoro escondido, no que sae das fronteiras xeográficas galegas e hispanas para comentar aspectos do sur dos EE.UU., e da obra de William Faulkner, e só nos parágrafos finais retorna ao seu ámbito natural para recordar que tanto nos espazos sudistas americanos como nos galegos a busca de tesouros formaba parte das tradicións populares; do que se trataba era de amosar algúns paralelismos que o autor recoñece que expón en liñas redactadas con certa présa.

As restantes seis colaboracións deste ano eran todas asinadas por Fernando Cadaval agás a penúltima delas. A primeira levaría o título de La venta de Palomeque e resultaba ser un relato de claros reflexos quixotescos. Era resultado da lectura do libro de Santiago Montero Díaz Cervantes, compañero eterno, o que lle serve a Carballo para meditar sobre o mundo ideal e o mundo real. No mes seguinte aparecería o artigo Gallos y auroras, dedicado a Luís Amado Carballo e á súa recente publicación O galo, que comenta coa súa habitual erudición e que compara coas achegas sobre o tema que recollen Juan Bautista Andrade e Federico García Lorca. No mes de outono aparecería a súa colaboración sobre La Feria de San Froilán en 1857, un escrito de ton epistolar no que comenta o desenvolvemento da Feira local lucense do referido ano, no que o asinante non apreciaba un movemento e concorrencia particulares e na que mesmo percibía certa decadencia. Para que recuperase o seu esplendor o autor da suposta carta propoñía cambiar a data de celebración, trasladando a Feira do 5 de outono ao 15 de agosto, co que coincidiría coa da padroa da cidade de Lugo, xa que o declive observado era consecuencia por unha parte da proximidade cronolóxica das feiras de A Fonsagrada e Mondoñedo, e por outra do mal tempo que en xeral había que aturar na época do ano en que se celebraba; se non se facía así era de prever que un século despois, é dicir, no tempo en que se escribe este artigo, os dous problemas persistirían, agás que os progresos tecnolóxicos os evitasen. Tamén aproveita o autor (que asinaba dun xeito significativo como Froilán Pérez Rodríguez) para ofrecer un comentario histórico sobre a situación do agro galego a mediados do século XIX, recordando a pausada recuperación da crise de 1853 e os problemas enolóxicos que motivaba a epidemia de oidium, o que demostra que a Carballo non lle faltaban tampouco coñecementos sobre a historia de Galicia.

No mes de novembro Fernando Cadaval rubricaba outro artigo co título de La sombra negra y el huésped blanco, no que analizaba as vidas paralelas das poetisas Rosalía de Castro e Emily Dickinson, ambas dotadas dun profundo sentido da vida e da morte. As semellanzas non lle impiden ao noso autor distinguir diferenzas, como a rica imaxinación estética da americana fronte ao estilo máis directo rosaliano. O título quedaba explicado con referencia a dous coñecidos poemas das ilustres escritoras, aportando Cadaval/Carballo unha tradución ao galego do poema de Dickinson That whiter host.

Emily Dickinson

Emily Dickinson.

Asinado co nome e apelidos verdadeiros e escrito en galego aparecía o ensaio A cigoña, e no mesmo número do mes de decembro, asinado por Fernando Cadaval e en castelán, o artigo Pequeña antología de villancicos gallegos. No primeiro, subtitulado como “Conto de primavera”, abunda o autor nunha coidada linguaxe lírica e descritiva para retratar a paisaxe no que se sitúa a granxa de Erika, unha nena de sete anos, protagonista do relato, que vive cos pais e dous irmáns e que bota de menos outra irmá como compañeira de xogos. Na narración, os pais de Erika van ter outro fillo “que trae a cegoña”, e o que quere a nena é que a ave mensaxeira lle deixe unha irmá para xogar con ela; por iso, seguindo unha lenda segundo a que dous terróns de azucre na fiestra da vivenda achegarían un varón e tres unha nena, ten o coidado de poñer os tres na fiestra como demandaba a tradición. Con todo, o que chega é un neno, e Erika, aproveitando a noite en que toda a familia durme, saca ao neno do berce e o funde no río, de onde segundo a lenda as cegoñas traían os nenos, logo repón con coidado na fiestra os tres terróns para que a próxima vez a ave non se trabucase e lle trouxese unha irmanciña. Trátase, sen dúbida, dun emotivo relato no que Carballo luce as súas condicións de excelente narrador.

Na Pequeña antología de villancicos gallegos o interese do noso autor céntrase nestas cancións de tipo popular que etimoloxicamente queren dicir “cantos de viláns ou rústicos”. Non obstante, os villancicos galegos son obra de poetas cultos, aínda que logo pasasen ao pobo, e algúns deles que se cantaban en igrexas e catedrais nos séculos XVII, XVIII e XIX son recordados nesta referencia, así como os seus autores. Para o século XX se fai memoria dun libro enteiro sobre o tema, Panxoliñas, que Cipriano Torre Enciso dedicou a estes motivos poético-relixiosos.

No ano 1958 manteríanse as achegas de Carballo Calero á revista cunha decena de colaboracións, asinadas case sempre co pseudónimo de Fernando Cadaval. A primeira aparecía no mes de xaneiro co título de Los caminos en el bosque, e nela comenta a recente aparición da obra Vieiro choído coa a que en 1957 a editorial Galaxia inauguraba a colección Illa Nova; tratábase dun drama que para o noso autor tiña máis de diálogo platónico que de traxedia esquílea, e que non dubida en cualificar como poema filosófico. Tamén advirte do contraste que se encerra entre unha vida forestal e natural e una vida urbana mecanizada, destacando en todo caso o valor da ambiciosa obra dun autor novel como era neses momentos Xosé Luís Franco Grande. Co título de Los checos y Françoise asinaba Cadaval outro artigo que aludía a unha tradución ao checo de Françoise Sagan, coa que a escritora francesa traspasaba con éxito o “telón de aceiro” vixente nese momento en Europa. Esta incursión exterior na que Carballo amosa os seus amplos coñecementos literarios e en particular os que tiña sobre a literatura francesa, sérvelle ademais para meditar sobre as razóns de que unha autora burguesa triunfase entre os lectores dun país teoricamente comunista.

Xosé Luís Franco Grande

Xosé Luís Franco Grande.

No número correspondente ao mes de marzo, Fernando Cadaval ofrecía unha homenaxe a alguén moi relacionado con Lugo, o poeta Luís Pimentel, quen figuraba como título do traballo e que falecera o 13 de febreiro anterior nunha cidade coa que se identificara plenamente. No seu recordo, o escritor ferrolán afincado en Lugo define e exalta a fibra espiritual de Pimentel e o despide con moita elegancia e respecto. Non sería a única vez na que tivo ocasión de falar do lucense xa que, como se recordará, pronunciaría en novembro de 1980 unha conferencia sobre a súa persoa e obra no Círculo das Artes.

No artigo El hombre salvador Fernando Cadaval reflexiona sobre a paixón de Xesús, unha temática cristiá fundamental, e a partir de aquí sobre a caridade e a necesidade de axuda mutua, ilustrando o comentario con alusións a Sthendal e Camus, amosando, unha vez máis, os seus coñecementos literarios.

No número correspondente ao mes de maio aparecía o traballo El ensayo en la literatura gallega, no que Cadaval retornaba a xeografías máis próximas. Definía o xénero “ensaio” como “el cauce literario de la meditación espontánea, dispensada de andamiaje erudito”. O seu antecedente en España foi o discurso e trátase precisamente de discorrer sobre unha materia dada. En Galicia o bispo mindoniense frei Antonio de Guevara e o frade Benito Feijoo foron predecesores deste xénero, e entre os continuadores non esquece ao grupo de escritores da xeración Nós que conseguiron dar unha dimensión europea á nosa cultura; os dous intelectuais mellor caracterizados deste grupo, Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo, foron, sobre todo, ensaístas, o primeiro como etnógrafo e o segundo como xeógrafo. Por iso Carballo insiste na análise da personalidade literaria dos dous escritores e nas súas importantes achegas, contrapoñendo o estilo “ascético y escéptico” de Risco co estilo “sensual y optimista” de Otero.  Entre os contemporáneos, continuadores dos dous grandes integrantes do grupo Nós, menciona Carballo aos membros do colectivo Galaxia, entre os que destacaba por méritos propios como pensador e escritor a Ramón Piñeiro, autor co que pecha esta relación de personalidades significativas dentro do xénero literario comentado.

O noso autor convertíase no obxectivo dun comentario do poeta Manuel María que aparecía no número de Vida Gallega o mes de xuño co título de Notas sobre Carballo Calero, e no que facía referencia ao seu ingreso como membro da Real Academia Galega, un recoñecemento que consideraba plenamente xustificado. Manuel María cualifica a Carballo como un home modesto, un creador, un intérprete das figuras claves da literatura galega e, sobre todo, un poeta, como demostraba en obras como Vieiros, O silenzo axionllado, Anxo de terra, e Poemas pendurados dun cabelo, aos que engadía a obra xuvenil Ollada encol da poesía galega contemporánea, o libro de madurez Sete poetas” e mesmo, saíndo do terreo da poesía, a novela A xente da Barreira.

Manuel María

Manuel María Fernández Teixeiro.

Aínda publicaría Carballo Calero outros cinco traballos na revista Vida Gallega durante este ano. O primeiro o asinaba co seu nome e apelidos e levaba o título de Segunda saída do señor Merlín, en clara referencia ao libro publicado nese tempo por Álvaro Cunqueiro Merlín y familia; tratábase da versión en castelán do texto galego –lingua que Carballo utilizaba para o seu comentario– na que o mindoniense ampliaba o seu Merlín e familia que xa tiña publicado, e que na opinión de Carballo era un texto insuficiente para as posibilidades que ofrecía a súa temática; os novos relatos que agora aportaba Cunqueiro convertíano nun “Merlín suficiente” sempre que se lese o libro sentindo a súa poesía, a súa lenda e a súa historia.

Os tres seguintes artigos deste ano levaban a sinatura de Fernando Cadaval. No titulado Sólo para ferrolanos, facía outro exercicio de chauvinismo recordando o seu pobo natal e a algúns dos seus paisanos, como o escritor e político Francisco Suárez, un escritor de folletíns que, por alusións, lle serve a Carballo para comentar as limitacións das novelas por entregas. En El teatro y las costumbres alude nas súas primeiras liñas á publicación en Bos Aires da obra de Ánxel Fole Pauto do demo, unha obra pensada para levar á escena, o que lle invita a Fernando Cadaval a valorar que o teatro, con ou sen diálogo, é acción representada. Logo comenta o contido do relato foleano e os recursos utilizados polo autor do mesmo, apuntando algúns problemas para a súa representación sen deixar de anotar o trilingüismo dos personaxes, que contribúe ao interese por resaltar as doses realistas e caricaturescas da obra. Remata o comentario coa benvida a Fole por pasar a integrarse no catálogo de dramaturgos galegos.

A penúltima achega do ano 1958 de Fernando Cadaval ofrecía unha referencia centenaria e levaba o epígrafe de 1858: Aguirre, Rosalía, Murguía; o título explicábase porque o ano de 1858 foi decisivo para as tres persoas mencionadas que tan importantes eran para as letras galegas, e que entre si estiveran relacionadas pola literatura e a amizade persoal. No caso de Aurelio Aguirre o ano significou o da temperá morte do poeta santiagués, a quen compara con Espronceda e Byron. No caso dos dous esposos, Rosalía e Murguía, cuxa obra Carballo coñecía moi ben por telos estudado en profundidade, o ano 1858 sinalou o do seu matrimonio, do que agora se cumpría o século. Carballo remataba o seu comentario afirmando que “De aquel abrazo nupcial ha de nacer nuestro pleno renacimiento”.

Aurelio Aguirre.

Aurelio Aguirre.

Remataban as publicacións deste ano co traballo El horror encasacado, artigo que se inicia cunha historia de piratas do século XVIII recollida por Pierre Mac-Orlan nun volume titulado L´Etoile Matutine, que o noso autor cualifica de obra mestra de beleza e crueldade; a partir de tal relato fai un percorrido literario polo clasicismo, o romanticismo e o naturalismo, no que unha vez máis pon de manifesto a súa ampla información neste terreo, e remata o comentario facendo unha análise comparativa coa obra do seu amigo Álvaro Cunqueiro.

A partir do ano 1959 as colaboracións de Ricardo Carballo Calero coa revista Vida Gallega fanse máis esporádicas, non ofrecendo neste ano e nos seguintes máis de tres ou catro achegas anuais. As de 1959 iniciábanse coa titulada Principales direcciones de la poesía gallega, traballo no que analizaba o labor literario dos seguidores de Curros Enríquez, e particularmente de Ramón Cabanillas e de Noriega Varela como representantes dunhas novas liñas poéticas e como os poetas máis importantes das primeiras decenas do século XX. Outra xeración é a que representaban Iglesia Alvariño, Manuel Antonio e, xa despois da Guerra Civil, Manuel Cuña Novás, Manuel María, Uxío Novoneyra e Xosé Díaz Castro.

O artigo Este Hamlet, que aparece no número de maio, comentaba no seu inicio o libro de Álvaro Cunqueiro As Crónicas do Sochantre que, para Carballo, ten unha inspiración shakesperiana; esa mesma influencia percíbese na obra teatral O incerto señor Don Hamlet, publicada en 1958 e sobre o que se centra o resto do comentario; Cunqueiro presenta aquí un protagonista máis cruel e sombrío e tamén máis clásico que o do dramaturgo inglés, pero iso non lle impide considerar a obra como unha achega moi rica en suxestións. A derradeira colaboración deste ano aparecía no número do mes de agosto co título de Exceso de velocidad, na que alude á recente publicación do último tomo da Historia de la Literatura Universal de Martín de Riquer e José María Valverde; o terceiro tomo desta obra, que asinaba o último dos autores citados, era o titulado Del Romanticismo a nuestros días, no que se dedicaba unha única atención a Galicia, neste caso á poesía galega de Rosalía de Castro, cando para a poesía catalá da Renaixença se citaban ata nove autores. O mesmo sucedía no apartado de literatura hispánica contemporánea, no que no caso catalán se nomeaban ata 17 autores e no que a literatura galega contemporánea non existía, discrepancia que se comentaba por si mesma. A esta falta de información sobre as letras galegas podían engadirse os erros que incluía sobre a obra de Rosalía, autora a quen atribúe “Canciones galegas” en vez de “Cantares gallegos”, e mesmo estraña a Cadaval a denominación aportuguesada de “Folhas novas”, un comentario moi significativo se temos en conta a evolución lingüística posterior do noso autor. En todo caso, Fernando Cadaval non dubida en rematar os seus comentarios considerando que o catedrático que asinaba esta Historia da Literatura demostraba unha evidente falta de equidade e lle sobraba precipitación á hora da súa análise das letras galegas.

No ano 1960 serían catro as colaboracións coa revista, as tres primeiras asinadas co seu nome e a cuarta co pseudónimo habitual. Na Homaxe a Cabanillas torna a falar dun autor para el particularmente querido e que morrera no mes de novembro de 1959. Carballo recordaba que cinco anos antes se lle encargou un traballo sobre o poeta morto e, como resposta á súa petición de información ao cambadés, este remitiulle varias cartas das que neste traballo ofrecía amplos parágrafos autobiográficos textuais, e nos que Cabanillas recordaba a orixe das súas principais obras. A segunda achega aparecía no número do mes de febreiro/marzo co epígrafe A Verdade; tratábase dun conto breve no que un neno falaba dos seus pais e cun especial afecto da súa nai, recordando os seus inicios escolares e o momento no que decidira faltar un dia á escola enganándoa; con todo, o rapaz, que é o relator da historia, non pode asumir a mentira e finalmente decide contarlle a verdade xa que “non valía cousa estar ceibe de castigo se non estaba limpo de culpa”; esta reflexión moral pechábaa Carballo, a modo de sentenza, cunha metáfora relixiosa, xa que o neno asumía desta forma que antes de cumprir a penitencia gozara do poder liberador da confesión.

Ramón Cabanillas.

Ramón Cabanillas.

No número de Vida Gallega corres¬pon¬dente aos meses de setembro/ outubro, Carballo Calero asinaba o artigo titulado El teatro gallego y el I Certamen literario del Miño, un traballo que se lle solicitara como presidente do xurado deste Certame que fora patrocinado polo Concello de Lugo; comentaba o sentido das distintas obras finalistas, simbólicas, de época ou dramáticas, e detíase en particular na obra de Cunqueiro A noite vai como un río, na de Daniel Cortezón, Nicolás Flamel, na de Os homes poden ser deuses, de Juan María Gallego Tato, na de A volta de Ulises, de Xosé Luís Franco Grande, na de Orestes, de Arcadio López Casanova, e no Auto do labrego, de Manuel María, autores que neses momentos constituían unha espléndida representación das letras galegas.

Y Laforgue en triste provincia é un estraño título para outro artigo asinado por Fernando Cadaval no mesmo número, no que comentaba a tradución que fixeran dous lucenses, Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, do Cancioeiro da poesía celtiga, de Julius Pokornye, que fora premiada nun concurso de Bibliófilos Gallegos. Con ocasión da cea de celebración do evento, Cadaval aproveitaba para recordar ao poeta e amigo Luís Pimentel, a quen xa lle dedicara outras liñas no número 732 desta mesma revista; agora insistía nos valores da súa obra, na que aparecían algunhas mencións a Jules Laforgue, o poeta simbolista autor de L´Imitation de Notre-Dame de la Lune, polo que para Cadaval non existían dúbidas sobre que os dous autores, tan afastados xeograficamente, tiveran algún tipo de relación literaria.

Tres serían os traballos publicados en Vida Gallega no ano 1961, todos eles asinados co pseudónimo de Fernando Cadaval. No primeiro, titulado Anteo, Hércules, Persiles y otros, retomaba os comentarios sobre Ramón Otero Pedrayo e a súa obra, mestura de realismo e fantasía, e suntuosa en temas e motivos. Nesta ocasión o pretexto inmediato era a publicación do seu libro O señorito da Reboraina. Fernando Cadaval explicaba o título do seu artigo establecendo relacións entre Otero Pedrayo e os dous míticos personaxes clásicos, e tamén coa novela cervantina. Polo que respecta á novela de Otero, declaraba a súa simpatía polos dous personaxes femininos de dona Adelina e de Xinoveva, sen esquecer os outros valores da que sería a derradeira novela do autor ourensán e a única escrita por el en galego despois da Guerra Civil, aínda que Carballo/Cadaval non podía chegar a esa conclusión neses momentos.

A segunda colaboración deste ano leva o título de El testimonio del picapedrero, e nela a lupa literaria de Cadaval céntrase na obra A Esmorga de Eduardo Blanco Amor, que se publicara en Bos Aires en 1959, e que interpreta como unha novela “experimental” e polo tanto novidosa, tanto pola técnica narrativa como pola temática, o que a convertía nunha achega singular que relacionaba con prosistas galegos decimonónicos e con autores franceses como Camus ou Sartre. Un dos personaxes, o canteiro epiléptico “Cibrán el Castizo”, serve para dar nome ao artigo e para reflectir o naturalismo lingüístico da narración.

Primeira edición de “A Esmorga” (1959).

Primeira edición de “A Esmorga” (1959).

A derradeira achega de Fernando Cadaval é unha homenaxe a outro amigo. Epitafio para Aquilino está escrito para destacar a persoa e a obra de Iglesia Alvariño iníciase con referencias persoais do autor no tempo no que iniciaran a súa amizade no Ferrol, unha afectuosa relación que perduraría pese a que logo se afastarían as súas vidas, ata o seu reencontro en Lugo, e que a partir de aquí manterían a través de periódicos contactos nas cidades de A Coruña ou Santiago. Agora, Cadaval/Carballo debía dar conta da morte do poeta de Seivane con pluma entristecida e cun sentimento que lle impulsaba a rememorar a súa obra e a recoñecelo como un dos mellores coñecedores da lingua galega, á que daba un sentido plenamente vernáculo. Aquilino Iglesia, literariamente desinteresado pola prosa e polo teatro, centrou a súa magnífica obra na poesía, que o noso autor consideraba un tesouro da lingua galega.

Aquilino Iglesia Alvariño.

Aquilino Iglesia Alvariño.

A recta final das colaboracións de Ricardo Carballo Calero con Vida Gallega a constitúen un artigo do ano 1962 e unha referencia á súa obra que aparece no derradeiro número da revista de xaneiro de 1963. Co seu nome asinaba un traballo publicado no mes de maio de 1962 que titulaba Unidad y variedad de la lengua gallega. Nesta achega comezaba coa crítica de que a lingua galega non se tomaba en consideración no sistema educativo e, polo tanto, só de forma extraordinaria podía producirse un achegamento á lingua vernácula de Galicia xa que, de maneira oficial, o galego non era obxecto de estudo.

Afortunadamente, xa non se lle consideraba un mero dialecto do castelán, pero a moitos seguía sorprendendo a variedade lingüística do galego a nivel territorial, algo que Carballo explicaba aludindo a que era unha lingua viva, e que variacións dialectais tiña tamén o castelán, incluso máis. Outra cousa era a súa consideración como lingua escrita, na que debía impoñerse unha normativa que impedise as variedades e que lle permitise funcionar como medio de comunicación literario, científico ou administrativo. A lingua literaria galega debería unificarse como o castelán, pero unha lingua literaria común requiría tempo e unha forma de comunidade que aconsellase tal unidade, aínda que, mesmo sen personalidade administrativa, Galicia podería ter unha lingua literaria común pola súa personalidade cultural, xeográfica e económica. De feito, tivera xa unha na Idade Media, pero o galego moderno, de apenas un século de existencia, desasistido oficialmente e cunha literatura precaria, non podía acadar con facilidade aquel obxectivo, e neste terreo non parecían convenientes as présas.

A revista Vida Gallega remataba o seu percorrido informativo e literario no ano 1963, e rematábao no noso caso de xeito moi significativo, comentando no apartado sobre literatura o primeiro tomo da obra de maior entidade de Ricardo Carballo Calero, a súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, cronoloxicamente dedicada ao século XIX, é dicir, aos escritores nacidos entre 1770 e 1870. O autor achegaba una información abundante e moi valiosa, aproximando ao lector ao mundo literario galego decimonónico e superando a simple erudición. Con particular agudeza e competencia estudaba a obra de Rosalía de Castro, de Pondal e de Curros, e para o comentarista (asinaba S.L., o que fai pensar en Salvador Lorenzana, pseudónimo do seu amigo Francisco Fernández del Riego) tratábase dunha obra cunha estrutura científica que se apoiaba nunha copiosa bibliografía e nun rigoroso sentido crítico. Era, desde logo, unha achega fundamental para a biblioloxía galega, e con ela o seu autor abriría un novo capítulo intelectual nunha vida persoal que un par de anos despois abandonaría Lugo e pasaría a asentarse en Santiago de Compostela.

Como epílogo sobre todas estas achegas de Carballo Calero na revista lucense Vida Gallega, con ou sen pseudónimo, merece a pena resaltar que os seus traballos apuntan con fundamento cara a tódolos campos literarios: a poesía, o teatro, a prosa de ficción ou o ensaio, amosando a súa considerable formación en todos eles, ademais de rexistrar unha indubidable posta ao día sobre o que se escribía en cada momento e unha grande información sobre a persoa e a obra dos principais autores galegos, que é capaz de comparar coas achegas de autores españois, franceses ou americanos grazas a súa enorme erudición literaria.

Neste sentido, verdadeiramente moi poucos colegas seus serían capaces de abarcar un radio tan amplo de coñecementos e de formación.

Apéndice 2: Traballos de Ricardo Carballo Calero (RCC)/Fernando Cadaval (FC) en “Vida Gallega”

RCC - O fogar de Clara - nº 713, agosto 56, p. 6
RCC -  Un ferrolán en Lugo - nº 715, pp. 6-7
FC - Plaza y poeta - nº 715, p. 8
FC - Cavilaciones del señor Cunqueiro - nº 716, pp. 16-17
FC - Un artista local - nº 717, p. 89
FC - Otra vez Macías - nº 718, xaneiro 57, pp. 44-45
        Florilegio de poemas: Ricardo Carballo Calero - nº 719, p. 18
FC - Gallegos ilustres - nº 719, p. 46
FC - El “se” impersonal - nº 720, p. 46
MGG - Carballo Calero, numerario de la R.A.G. - nº 721, p. 4
RCC - Guirlanda da Primavera - nº 721, p. 14
FC - Entre a vendima e a castiñeira - nº 721, pp. 16 e 48
FC - Inés de Castro vuelve a la escena - nº 722, p. 46
FC - Sombras - nº 723, p. 39
FC - El tesoro escondido - nº 724, p. 55
FC - La venta de Palomeque - nº 725, p. 62
FC - Gallos y auroras - nº 726, p. 62
FC - La Feria de San Froilán en 1857 - nº 727, pp. 6-7
FC - La sombra negra y el huésped blanco - nº 728, p. 63
RCC - A cigoña (cuento de Primavera) - nº 729, pp. 12 y 16
FC - Pequeña antología de villancicos gallegos - nº 729, p.65
FC - Los caminos en el bosque - nº 730, xaneiro 58, p. 70
FC - Los checos y Françoise - nº 731, p. 65
FC - Luis Pimentel - nº 732, p. 64
FC - El hombre salvador - nº 733, pp. 18-19
FC - El ensayo en la literatura gallega - nº 734, pp. 36-37
MM - Notas sobre Carballo Calero - nº 735, p. 61
RCC - Segunda saída do señor Merlín - nº 736, p. 66
FC - Sólo para ferrolanos - nº 737, p. 51
FC - El teatro y las costumbres - nº 738, p. 64
FC - 1858: Aguirre, Rosalía, Murguía - nº 739, p. 66
FC - El horror encasacado - nº 741, p. 61
FC - Principales direcciones de la poesía gallega - nº 742, xan/feb. 59, pp. 12-14
FC - Este “Hamlet” - nº 746, p. 58
FC - Exceso de velocidad - nº 749, p. 70
RCC - Homaxe a Cabanillas - nº 754, 1960, pp. 65-66
RCC - A verdade - nº 755-756, p. 139
RCC - El teatro gallegoy el I Certamen literario del Miño - nº 762-763, pp. 102-104
FC - Y Laforgue en triste provincia - nº 762-763, pp. 107-108
FC - Anteo, Hércules, Persiles y otros - nº 766, 1961, p. 62
FC - El testimonio del picapedrero - nº 768, p. 58
FC - Epitafio para Aquilino -  nº 771-772, p. 117
RCC - Unidad y variedad de la lengua gallega - nº 79, maio 1962, p. 72
         Historia da Literatura Galega Contemporánea - nº 83, xaneiro 1963, p.41