Unha persoa admirable pola súa rectitude, sabedoría e bondade

Durante os meus estudos no Colexio Fingoi e na Universidade, tiven a oportunidade de ter como profesor a unha persoa admirable pola súa rectitude, sabedoría e bondade, calidades que non só mantiña na actividade académica, senón tamén na vida cotiá, tal como puiden comprobar por ser amigo dos meus pais. Trátase de Don Ricardo Carballo Calero.

Hoxe pídeseme que remita algunhas vivencias sobre el durante a miña etapa colexial que, no meu caso, comprendía dende o segundo ata o sexto cursos de bacharelato.

Recibín as miñas primeiras clases con Don Ricardo cando tiña dez anos no Colexio Fingoi. Os recordos das súas ensinanzas refiren un coñecemento amplísimo, e un moi motivador e significativo procedemento didáctico.

Ao ser nove pícaros naquel segundo de bacharelato, a nosa aprendizaxe resolvíase dunha forma moi activa, o que permitía afianzar mellor os coñecementos e comprobar diariamente o noso progreso. Don Ricardo traballaba a partir dunha selección moi coidada de actividades, temas e textos, co fin de que espertasen o noso interese por aprender, potenciasen a nosa capacidade comunicativa e creativa, e nos transmitisen valores.

Entre os primeiros fragmentos cos que traballamos ese curso, dous tiñan como protagonista ao heroe de Vivar. Un foi “Castilla”, de Manuel Machado, onde nos admi-ramos da lealdade, grandeza e exemplaridade do líder medieval e, ademais de apreciar a plasticidade e outros aspectos estéticos dese poema, serviu ata como exercicio para corrixirmos o “ieísmo”. O outro texto, de “Las mocedades del Cid”, de Guillén de Castro, introduciunos no concepto do conflito dramático, neste caso co enfrontamento entre o deber e o amor.

Gozabamos non só coas lecturas ou recitacións de pequenos poemas de autores recoñecidos, como o do lagarto lorquiano, senón tamén coas dalgunhas redaccións escolares (que, algunha vez, ao resultar especialmente ocorrentes e divertidas, fixeron rir incluso a un profesor tan serio e contido como era Don Ricardo). E sempre resul-taban distensivas as observacións interdisciplinarias relativas ao noso entorno, que eran especialmente propicias nas saí-das ao campo que rodeaba o colexio.

Tamén resultaba divertida a interpretación en coro de cancións tradicionais de diferentes zonas de España (“Si n’eren tres tambors”, “Noche lagunera”, “Asturias”...), baixo a alternancia dalgún de nós na batuta. No cuarto curso, con alumnos xa plena-mente adolescentes, esta última actividade deixou de realizarse.

E foi difícil para todos nós (imaxino que tamén para os profesores) o cuarto curso, porque os programas das materias deviñeron nunha tre-menda concentración de contidos dos que había que dar conta, si ou si, nos exames de reválida. Sería inimaxinable que os profesores e escolares de hoxe, de trece, catorce ou quince anos asumisen semellantes programas na súa totalidade.

Carmen Herrero con Carballo Calero

Carmen Herrero con Carballo Calero.

No caso da materia que nos impar-tía Don Ricardo, ao estudo da métrica e dos recursos estilísticos, había que sumar toda a literatura universal (desde o “Mahabharata” e o “Ramayana” ata os nosos días), e un tema sobre o cine, e o xénero “chico” e a ópera.

Para retermos algunhas estruturas métricas, memorizabamos algún breve frag-mento ou poema coñecido (por exemplo, a décima calderoniana do sabio que se lamenta da súa pobreza). Noutros casos, a partir dalgún modelo, Don Ricardo propo-ñíanos a creación propia (algúns faciámolo en galego) de pequenas poesías que tivesen a forma de quintilla, seguidilla con bordón, romance..., ou que ofrecesen deter-minados recursos literarios (leixaprén, paralelismos...). Comezamos xa a descubrir que algúns poemas deviñan providenciais para verbalizar e comprender mellor os nosos sentimentos e inquietudes, tal fora un poema de Verlaine sobre a melancolía.

O elemento interdisciplinario seguía presente, sobre todo no que se refería aos aspectos relativos ao contexto histórico das obras. Mostrábanos a relación entre obras, temas e personaxes de diferentes épocas, e ilustraba as súas observacións con refe-rencias a figuras históricas interesantes.

E, como á vez que potenciaba o noso interese literario sobre un fragmento, obra ou autor, tentaba tamén reforzar a nosa autoestima, cando a ocasión era propicia, invi-taba aos alumnos a intervir compartindo preferencias ou afeccións que conviña que os demais coñecésemos.

Por exemplo, Vicente Espinel prestábase a facer un inciso sobre a guitarra e os diferentes instrumentos musicais, e xa tiña quen, na nosa aula, podía dar boa conta do tema; tamén, ao explicar a simboloxía das flores ou das plantas silvestres, contaba coa intervención de quen gustaba de coleccionalas e sabía o seu nome en galego e cas-telán. Así foi como algúns aprendemos o que era a zanfona e que a “aulaga” era o noso toxo.

E, neses casos, eu creo que parecía seguir unha pauta en tres tempos que nos mantiña alerta: primeiro suscitaba unha cuestión ao respecto, logo preguntaba a dous ou tres alumnos que, posiblemente nunca repararan no asunto e quedaban expectan-tes; e, finalmente, dáballe a entrada a quen, por ter a devandita dedicación, ofrecía a resposta máis acertada. Era evidente a satisfacción persoal deste rapaz, cuxa autoes-tima crecía non só polo protagonismo que lle daba o acerto, senón, sobre todo, porque comprobaba que os seus intereses particulares eran valorados academicamente e dignos de ser compartidos e recoñecidos por todos nós.

Iso mesmo lograba Don Ricardo, ben cando lles publicaba algúns textos aos alum-nos ou llelos premiaban nalgúns concursos poéticos, ou ben cando lles propoñía colaboraren nas actividades culturais doutras institucións da cidade. Así foi, por exem-plo, cando, como resultado de obter algún dos premios, asistimos aos “Xogos Minervais” do colexio Peleteiro en Santiago; e tamén, cando Don Ricardo nos levou para representar o lance de “Pimpinela” e recitar poemas na nosa lingua nos cursos de galego iniciados polo Instituto Masculino, e nas conferencias do Círculo das Artes. Os alumnos tivemos daquela a oportunidade de coñecer a escritores de sona: Piñeiro, Otero Pedrayo, Arcadio López Casanova, Manuel María... Este coñecemento víase reforzado coa selección, como profesores de Fingoi, de novas promesas literarias, como foron Ferrín, Bernardino Graña, Arcadio... en consonancia co proxecto de Don Antonio Fernández de incorporar como profesores do Colexio a intelectuais da cultura galega. Na miña etapa colexial tiven a fortuna de ser discípula tamén de Ánxel Xohán, Pacios, Cabanillas, Ferrín, Bernardino Graña e Vicente Devesa.

No Colexio Fingoi non tiñamos manuais, así que en sexto os nosos apuntes de litera-tura de cuarto foron a base para traballarmos. Porén, nese curso, precisabamos de certo tipo de libros de texto porque, ao non existiren nesa época multicopistas, nin fotocopia-doras, para dispoñer de fragmentos literarios máis amplos recorriamos á antoloxía de Correa Calderón. Para traballar algunhas obras completas facilitábanos os libros escolli-dos por cada un de nós, para despois facermos un pequeno traballo. Tamén confeccionabamos o noso propio álbum de autores actuais con recortes de prensa.

A actividade de estudos literarios víase reforzada coas representacións teatrais, case sempre en galego, que Don Ricardo preparaba para a entrada no Nadal e para o fin de curso. Deste labor dá cumprida conta Araceli Herrero en “O teatro en Fingoi”. Con estas actuacións comprobamos, por exemplo, a conexión entre as narracións tra-dicionais da China e as nosas (“O círculo de xiz” e “O xuízo de Salomón”). E incluso soubemos de técnicas e autores contemporáneos que apenas se coñecían nas aulas escolares do momento, como era o caso de Brecht.

Todos os alumnos participaban en maior ou menor medida. E asignaba con moití-simo acerto os papeis, posiblemente en función dos trazos persoais de cada un. Recordo a moi boa interpretación de compañeiros que, seguramente, con este exer-cicio potenciaron as súas aptitudes comunicativas: a miña irmá Araceli, Xoán Carlos Teijeiro, Fina e Gloria Baamonde, Antonio Acuña, Carmen Canto, Carmen, Siña, Marcos e Manuel Fernández, Marianela... todos eles revelaron seren grandes intérpretes en recitais e obras teatrais.

Carmen Herrero, “Macali”, como Pimpinela

Carmen Herrero, “Macalí”, como Pimpinela.

Don Ricardo, que sempre observaba escrupulosamente a adecuación a aquel con-texto escolar, escribira algunhas destas obras. Outros autores ou tradutores galegos tiveron cabida no repertorio (Cabanillas, Iglesia Alvariño, Ignacia Ramos…). Recordo o éxito de “A farsa das zocas”, “Señoras na modista”, “A ofrenda das fadas no portal de Belén”, “A oliña”, o lance de “Pimpinela” de “Os vellos non deben de namorarse” e “O redondel”. Nesta última, a partir dunha tradución castelá de Cahn, Don Ricardo escribira en galego unha adaptación ao teatro infantil dun antigo drama chinés, “O círculo de xiz”, de Li Qianfu (Li-Hsing-Tao), do que tamén Brecht fixera una versión bastante dife-rente en alemán titulada “O círculo de xiz caucasiano”.

Nalgunhas representacións teatrais participei: comecei tendo un papel mudo (de doncela que lle levaba un vaso de auga a Enrique VIII), pero despois, na de “O redon-del”, confioume o papel de Hai-Tang, e na de Castelao honroume co papel de Pimpinela, que interpretei seguindo fielmente as súas instrucións sobre os xestos, ton e ritmo.

E agora penso que tal vez contaba con que a miña personalidade retraída xogaría a favor das súas expectativas, porque, no monólogo final, aos poucos, empezábame a tremer a voz ata rozar o choro, co que a miña timidez lograba o seu posiblemente pretendido efecto identificador da intérprete co personaxe.

Non limitaba a súa misión á meditada impartición de clases ou á dirección teatral, coas que lograba que todos os alumnos, ata os que optabamos pola opción de cien-cias, amásemos a literatura. Preparaba igual de concienciudamente as explicacións que nos daba, a primeira hora da tarde, sobre as zonas que habiamos de visitar nas viaxes culturais que o Colexio tiña proxectado, os domingos, pola provincia e, na Semana Santa, pola xeografía española. As súas explicacións espertaban a nosa curio-sidade polas zonas que despois visitabamos; semellaba que trataba de confirmar as palabras de Don Quixote: ”O que le moito e anda moito, ve moito e sabe moito”.

Realmente, pódese dicir que estaba dedicado a nós dende as 8:45, cando nos reci-bía ao entrar no Colexio, ata as 20:45, en que nos despedía para marcharmos ás nosas casas. Pero esa recepción e despedida non se facía por unha simple formalidade senón que, con iso, asegurábase o cumprimento dun procedemento do Colexio, con-sistente en que non levásemos o traballo para a nosa casa, pois, xa dentro do horario escolar, figuraban as horas de estudo precisas (no entanto, tal vez porque non sempre as aproveitabamos ben, en ocasións moi puntuais, os escolares lograbamos burlar dita norma ocultando na nosa cintura os cadernos que urxía repasar na casa).

Polo mediodía Don Ricardo compartía con nós o xantar, cada día nunha mesa dife-rente. Sentabámonos catro comensais de moi distintos cursos en cada mesa, polo que todos os rapaces, calquera que fose a idade, cando remataban o colexio, coincidían con todos na mesma entrañable familia escolar. Tamén entón, como se dun xogo tea-tral máis se tratase, o noso director adestrábanos nun protocolo co que aprendiamos a manter no comedor o mesmo grao de urbanidade que se propoñía lograr no con-xunto das relacións escolares.

En definitiva, tamén a adquisición de valores, normas e hábitos sociais dos alumnos dependían, en gran parte, deste profesor, polo feito de sermos mediopensionistas. Ata ficaba alerta nos recreos e nas outras xornadas de lecer, como eran as mañás dos sábados (e dos domingos, se non se tiña programada algunha excursión). Así pois, a súa responsabilidade estendíase ata abarcar gran parte da aprendizaxe, afianzamento e asimilación daqueles valores e normas que nos facilitasen a convivencia social e, en definitiva, a vida.

Durante toda a miña estancia en Fingoi tiven a fortuna de admirar de cotío a capa-cidade de traballo, o alto grao de coñecementos e autoesixencia, e a bondade e integridade dun profesor intachable e excelente, ao que debo unha parte fundamental e valiosa da miña formación: Don Ricardo Carballo Calero.

Despois dun festival de fin de curso

Despois dun festival de fin de curso.